Segredos tras o mostrador de La Moda Ideal

Pablo Carro traballou desde os 16 ata os 65 anos no emblemático comercio de tecidos que o lume levou por diante. Na súa mente atesoura miles de anécdotas, lembranzas e historias sobre o que foi "un referente sen comparación na cidade"
Pablo Carro no seu comercio nunha foto dos anos 70
photo_camera Pablo Carro no seu comercio nunha foto dos anos 70

La Moda Ideal é un niño de lembrazas para moitos pontevedreses, pero para alguén como Pablo Carro Sobral é moito máis ca iso. É unha parte fundamental da súa vida, pois alí traballou desde que tiña 16 anos ata os 65, cando se xubilou.

O lume deixou o comercio reducido a cinzas, pero non danou nin un chisquiño as cinco décadas de vivencias e recordos deste veciño de Tomeza.

"Entrei en 1957, sendo un chavaliño e, xunto co meu irmán Severo, fomos a terceira xeración de dependentes que tivo este comercio", explica.

Despois dos primeiros fundadores (os socios Romero e Bobillo), o establecemento pasou a Luis Gonzalez García, que comezou como aprendiz e en 1904 converteuse no propietario e, co seu irmán, mantívose á fronte do negocio ata que a vellez o obrigou a apartarse.

Abríamos ás nove e media, e xa tiñamos xente esperando, e pechabamos ás sete e media da tarde e a esa hora estaba aínda o comercio cheo


"Xa con estes donos, a segunda xeración de dependentes maiores foron outros dous irmáns: Pastor e Leopoldo Torres, e a terceira fomos meu irmán e eu", sinala Pablo Carro. "Eu era un neno moi de aldea, moi introvertido, e cando un dos meus cuñados, que era un deses irmáns Torres, me empregou alí, eu non tiña desenvoltura e tiven que adaptarme e aprender ata facerme un bo dependente. Botei cinco anos de aprendiz e o meu primeiro soldo foron 500 pesetas".

"UN REFERENTE". Pablo propúxose ser un bo vendedor e, sen dúbida, conseguiuno: "La Moda Ideal era unha referencia para toda a cidade. A nivel comercial e de popularidade só lle facían sombra o ultramarinos de Santiago Abeledo e Calzados Felipe. Naquel tempo, o centro neurálxico comercial de Pontevedra estaba entre a Peregrina, os Soportais da Ferrería e a baixada cara ao mercado pola rúa do Arco. Por alí pasaba todo o mundo e, cando La Moda Ideal non tiña xente, é que non a tiña ninguén. Era como un reloxo que marcaba o que pasaba na cidade", explica. "O comercio foi tamén unha especie de escola de dependentes de moda. Cada xeración ía herdando ese saber facer e engadindo a súa propia personalidade e nós fomos unha referencia. Cando os donos primitivos empezaban a ter moita idade, un retirouse e morreu e o outro empezou a ter dificultades de saúde e acabou quedando na súa casa. Nós iamos alí buscar a chave para abrir e a responsabilidade foi caendo no meu irmán e en min. Esa etapa, do ano 76 para adiante, foi a máis forte do negocio". Non era para menos, segundo engade este veterán.

Tiñamos clientes da vila e tamén da aldea, pero non só dos arredores, senón de lugares máis afastados, como Caritel, A Lama...

"Abríamos ás nove e media, pero ás nove tiñamos xa xente esperando, e pechabamos ás sete e media da tarde e a esa hora estaba aínda o comercio cheo. Case todos os días tiñamos que baixar a persiana metálica e terminar de atender ós que estaban dentro, pero sen deixar entrar a máis ninguén. Era un fenómeno especial que non se daba noutros comercios, porque neste pasaba todos os días do ano. Cando se fixo cargo do negocio a dona que está agora á fronte, que é a sobriña-neta do antigo propietario Luis González, os primeiros días asustárase con tanta xente. Eu, ás veces, atendía a tres clientes ao mesmo tempo, algo que era difícil tratándose de tecidos, porque lle había que ensinar moitas pezas a cada un. Nesta profesión chegas a coller certa psicoloxía e a coñecer á xente, a saber se veñen a comprar ou a mirar".

A clientela era amplísima e moi variada: "Tiñamos clientes da vila e tamén da aldea, pero non só dos arredores, senón de lugares máis afastados, como Caritel, A Lama... Estes viñan sobre todo cando había feira en Pontevedra ou aproveitaban cando tiñan que facer recados na capital. Cando unha familia tiña unha voda, levaban tea para o traxe da novia, do novio, do pai, da nai, dos padriños... Cada mes faciamos dúas xornadas especiais, que eran os días 1 e 15. Eses non se pechaba en toda a xornada e os dependentes turnabámonos para ir comer. Tiñamos unha sección de tecidos brancos para facer sabas (a máis importante que había en toda Pontevedra) e, algún día de feira, lembro estar cortando sabas desde a mañá ata a noite".

Pablo explica que duns anos a esta parte a venda de tecidos foi á baixa, "porque a confección feita gañou a baza", e sinala que por iso foron desaparecendo negocios como Olmedo, Pedrosa, Simeón e, recentemente, Clarita. Sen embargo, naquelas décadas douradas o negocio estaba a rebentar.

"UNHA MINA". "Aquilo era unha mina", afirma. "No 70 e tantos ou 80 e tantos chegamos a facturar ata 400.000 pesetas diarias. Cando a tenda estaba chea, podía chegar a haber en mercancía uns cen millóns de pesetas, en prezo de custe. Tiñamos xénero en todos os recunchos do establecemento e a maior parte dos tecidos viñan de Cataluña, sobre todo de Barcelona, e algunha cousiña de Valencia".

E en canto a vendas, "tiñamos unha política de prezos barata. Non había tempadas de rebaixas, pero os descontos facíanselle directamente aos clientes porque había un regateo constante. A abundancia de xente dábanos a liberdade de dicirlles que, se querían, fosen mirar á competencia porque sabiamos que a maioría ían volver".

Con todo, os donos e os dependentes tiñan unha linguaxe propia para falar entre eles sen que o cliente soubese o que estaban a dicir: "Cando nos queriamos avisar dalgún tecido que non quedaba, ou de algo que non interesaba que o cliente soubese, diciamos as palabras ao revés, pero cunha fluidez como se falaramos ao dereito. Tamén tiñamos unha clave para marcar os prezos de fábrica, para saber canto se lle podía rebaixar á xente sen perder cartos. O prezo de venda ía en números na mesma etiqueta, pero o de custe poñiámolo en letras. A palabra era PIGNORASTE, do un ao cero. O P era o un, o I era o dous, o G era o tres e así sucesivamente. Entón, falabamos entre nós e o cliente non se decataba de nada. Era algo digno de ver".

Comentarios