‘'Conectadas’' oferta 267 prazas en cursos para fomentar a igualdade

A Deputación abre este martes o prazo para inscribirse no programa que substitúe a ‘'Pensa en ti'’, promovido polo anterior Goberno. O orzamento da iniciativa ascende a 321.433 euros
Imaxe elixida pola Deputación para promover '‘Conectadas 2016’'
photo_camera Imaxe elixida pola Deputación para promover '‘Conectadas 2016’'

A Deputación de Pontevedra publicou onte no BOP as bases reguladoras do programa ‘'Conectadas 2016'’. A partir deste martes e durante un período dun mes, os colectivos de mulleres e as entidades que promoven o seu desenvolvemento poderán presentar as solicitudes nos rexistros da institución provincial para poder optar ás 267 prazas ofertadas.

‘Conectadas 2016’ está dotado con 321.433 euros e é unha "modificación radical" do anterior '‘Pensa en ti'’, que, segundo o Goberno provincial, "ofertaba cursos non adaptados a unha sociedade do século XXI, como automaquillaxe, corte e confección ou cociña, no sentido máis tradicional da forma de entender a participación das mulleres no mundo".

O novo programa ten por obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias en igualdade, impulsar accións formativas para contribuír a mellorar a empregabilidade da poboación feminina e o seu mantemento no mercado de traballo, facilitar o emprego da información e as novas tecnoloxías e incorporar de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Os bloques de contido inclúen as seguintes propostas: ‘'Muller emprende: iniciativas sostibles para o emprego’' (plan de negocio, community manager, e-commerce, asesoría laboral e fiscal e coaching), ‘'Muller e cultura: artes visuais'’ (fotografía, pintura, percusión e teatro, entre outras iniciativas), ‘'Actualízate’ '(correo electrónico, manexo da tablet, smartphone e redes sociais), ‘'Coas túas mans'’ (cestería, traballos en tea, coiro, madeira ou costura creativa), ‘'Porque ti o fas'’ (arte floral e ornamentación, sostibilidade, horta ecolóxica, etcétera), ‘'Súmate ó cambio'’ (hábitos saudables, conservación de alimentos, mantemento do fogar e xestión doméstica, corresponsabilidade doméstica e familiar, coida o teu vehículo e bricolaxe), ‘'Ponte en forma'’ (pilates, tai-chi, ioga e outras actividades) e '‘Coidados persoais e saúde’' (manexo do estrés, menopausa saudable, risoterapia e musicoterapia).

MÓDULOS DE 35 HORAS. As accións formativas deste programa, dunha duración de 35 horas, estarán abertas a toda a poboación da provincia e incluirán, de forma transversal, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes a través dun módulo de sensibilización en igualdade de cinco horas de duración.

As mulleres terán preferencia á hora de inscribirse e o 25% das prazas estarán reservadas para homes, agás no bloque ‘Súmate ó cambio’, no que a participación pode ser mixta. Neste, a distribución das prazas será ó 50% para impulsar a participación activa e conxunta de mulleres e homes nas cuestións que se desenvolven no ámbito privado.

Comentarios