A Deputación levará ao Culturgal 2015 a primeira publicación que aborda a infancia de Castelao

O ente provincial concorrerá ademais á Feira das Industrias Culturais cun posto propio no que mostrará a oferta cultural dos concellos da provincia e coa exposición de arte contemporánea 'Somos Espazo'

A Deputación de Pontevedra presentará no marco da Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2015, a primeira publicación que aborda a historia da infancia de Castelao.

Así, o deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, presentou este martes as propostas que o seu departamento levará esta fin de semana á Feira das Industrias Culturais, entre as que destaca a unidade didáctica A nenez galega a través dos anteollos de Castelao, dos autores Diana Vilas e Óscar Rodríguez.

A Deputación concorre ao Culturgal cun posto propio no que mostrará a oferta cultural dos concellos da provincia. Ademais, contribuirá ao programa da feira coa exposición de arte contemporánea Somos Espazo, comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral.

A mostra recolle obras de 24 artistas e arquitectos, que expoñen a relación entre arte e arquitectura, e estará no Pazo da Cultura de Pontevedra dende o 4 de decembro ata o 10 de xaneiro. O arquitecto César Portela conta cunha 'microexposición' dentro da propia exposición.

MATERIAL AUDIOVISUAL. A propia Deputación tamén terá presenza con material audiovisual relacionado co Museo de Pontevedra, e con dúas das coleccións que esta institución acolle sobre Castelao, que se poderán visualizar baixo os títulos Castelao e os cegos e Castelao e a emigración.

Tamén está previsto que a administración provincial difunda as efemérides relacionadas con Castelao que se celebrarán no ano 2016 e que se poña a disposición do público traballos do Servizo de Publicacións da Deputación, entre os que se conta a unidade didáctica sobre as estampas de nenez do galeguista.

Comentarios