O Pontevedra sonda o mercado e non desbota fichar en xaneiro

O club non desbota fichar a comezos de ano, aínda que a decisión dependerá de varios factores. O responsable da área sostén que están "encantados" con tódolos futbolistas
Roberto Feáns falando con Luisito e Pepe Rico nun adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
photo_camera Roberto Feáns falando con Luisito e Pepe Rico nun adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe

O mercado de inverno achégase e o Pontevedra estúdao coa intención de evitar que os acontecementos dos próximos dous meses o pillen desprevido. A día de hoxe o club presidido por Lupe Murillo non cre preciso reforzarse, segundo explica o responsable da área deportiva do consello de administración, Roberto Feáns. Sen embargo, hai moitos factores que poden facer mudar ese parecer.

"Estamos a seguir o mercado, pero en principio estamos encantados con tódolos futbolistas que temos. A finais de decembro e principios de xaneiro veremos en que situación nos atopamos e analizaremos se precisamos ou non reforzarnos. De aquí alá aínda poden suceder moitas cousas".

O primeiro aspecto a ter en conta, segundo lembra Feáns, é a opinión do adestrador do primeiro plantel, Luisito. A opinión do teense, como non pode ser doutro xeito, é básica.

"Se el considera que o plantel ten un bo nivel e non cre preciso facer movementos, non imos rachar a harmonía desde arriba".

Outro aspecto que pode cambiar a actual opinión do consello de administración son as posibles saídas. "Temos que estar preparados por se algún dos que hai no plantel solicita a baixa ou por se acontece algunha lesión non desexada, pero o equipo está competindo ben e a dar a cara e iso fainos estar moi tranquilos", aclaró Feáns.

De momento, ningún granate manifestou a súa intención de marchar, aínda que houbo clubes que preguntaron por futbolistas con poucos minutos. "Hai equipos que están a preguntar por xogadores que non participan tanto, pero a non ser que o futbolista se amose incómodo ou decida tomar unha decisión de cambio, nós non imos mover ficha".

Iso si, o conselleiro do PCF lembra que "estamos a 1 de decembro e todo pode cambiar. Nas próximas semanas reunireime co ades-trador para saber como ve a situación do plantel desde dentro".

Feáns enviou unha mesaxe de orgullo, ánimo e paciencia aos futbolistas do Pontevedra. "Estamos a ver que homes como Pablo, que ata agora non contaba con minutos, está a ter moito protagonismo no último mes. O mesmo lle pode suceder a outros futbolistas, que teñen que estar preparados para dar a cara cando lles toque. Estamos moi contentos con todos eles".

Un aspecto que podería cambiar o discurso do club é a súa traxectoria. "O noso obxectivo final é manter a categoría, pero segundo vai avanzando a temporada os obxectivos poden variar. O desenvolvemento da competición no próximo mes e medio será un factor a ter en conta".

Feáns mantén o discurso universal do club con respecto ao obxectivo: "non imos falar do ascenso ou do play-off, pero igual nos atopamos nas primeiras semanas de xaneiro pelexando pola segunda ou terceira posición e iso é ilusionante".

Con respecto á marcha do equipo asegurou que "sorprendido non estou, porque son xogadores polos que apostei. Estou ilusionado, porque están a dar un nivel importante e detrás diso hai unha elección do club, e orgulloso, como todo o consello e a afección. Hai que saborear o momento, aínda que creo que non se está valorando publicamente como debería. Non nos decatamos do que están a facer o club e os xogadores", finalizou Feáns.

Comentarios