Feijóo recorda que Neira Vilas amaba aos galegos sen "diferenciación"

O presidente resaltou que foi o autor galego máis lido e afirmou que na comunidade "hai miles e miles de Balbinos"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que o falecido escritor Xosé Neira Vilas, que morreu aos 87 anos, era un home "cordial", amigo "entrañable", que amaba a Galicia e a todos aqueles que integran este país "sen facer ningún tipo de diferenciación".

No Panteón de Galegos Ilustres, Núñez Feijóo, acompañado de membros do comité de dirección do PPdeG, visitou a capela ardente do autor de Memorias dun neno labrego e dixo que este "jornalero das letras" deixou de vivir "pero se vai coas maletas feitas, como el mesmo dicía".

"Non deixa de ser o escritor galego que foi máis lido", apuntou o xefe do Executivo galego, comentou que na comunidade "hai miles e miles de Balbinos", en alusión ao protagonista da súa obra máis soada, e recordou que todos os nados no rural, como el mesmo, saben recoñecer a humidade, os seus cheiros e o contacto coa terra.

Núñez Feijóo rememorou a entrega da Medalla de Ouro de Galicia ao ilustre autor Xosé Neira Vilas, a cal recolleu tras superar unha pneumonía, e celebrou que se fose coa máxima distinción e que "o escritor galego máis lido" deixe un gran legado que se seguirá divulgando.

Comentarios