''Alguien tiene que ser de izquierda, laico e independentista en este país''

mendezferrin1_dentro.jpg
photo_camera mendezferrin1_dentro.jpg

“No sangue artesán que teño ardendo en cada dedo meu, nos finos labradores que aparecen no papel levando sombreiros pardos, panos de seda e zocos remontados, reclamo liberdade pró meu pobo”.

As verbas corresponden a un poema que escribiu hai trinta e dous anos, pero hoxe pode lerse coma unha declaración de intencións. Militante da Fronte Popular Galega, Xosé Lois Méndez Ferrín (Ourense, 1938) librará o 1 de marzo unha dura batalla para rabuñar un escano.

É candidato do independentismo galego á Xunta. Alguen de quen todos oíron falar. Pero nin sequera se recoñece coma tal. “Son o número un por Pontevedra”, espeta. Disposto a formar parte dunha oposición de verdade, de encher o oco deixado por unha esquerda que non existe, o balance dos catro anos de bipartito é crítico e os reproches rematan nun longo etcétera. Pero con eles comparte un reto: conseguir que o PP non chegue ao Goberno.

Pregunta: Por que é necesaria a súa presenza no Parlamento?

Resposta: O independentismo non está representado, non está nin no Goberno nin na oposición. Isto presenta un panorama político dunha extrema pobreza, se temos en conta que nos parlamentos catalán e vasco hai cinco ou seis partidos representados.

Aquí, o único partido da oposición vai esixir, dun Goberno bipartito coma o actual, accións de dereita e antigalegas. Polo tanto, un hipotético Goberno coma o actual terá que ter unha oposición de esquerda, que o estimule dende a esquerda. Alguén ten que ser de esquerda, republicano, laico, socialista e independentista neste país.

Preparando a carreira
P: Como afronta a candidatura á presidencia do Goberno dende un partido minoritario?

R: Nós non pensamos nunca nunha candidatura á presidencia do Goberno, nin cremos que iso sexa o que haxa que facer. Eu vou de número un da lista de Pontevedra.

P: A que sector do electorado queren conquistar?

R: Pois na medida en que o permitan os medios de comunicación, a FPG pretende chegar ás persoas que están descontentas pola esquerda e polo nacionalismo deste Goberno bipartito. Imos poñer un punto irrenunciable no noso programa: a creación dunha banca nacional galega, que é posible.

Buscamos a esas persoas que están de acordo con esa política e en desacordo coa composición, por exemplo, da sociedade que se creou para o Monte Gaiás, con maioría absoluta do capital privado. E as que estean a favor de que teñan estado parlamentario as grandes cuestións sociais, que non o teñen, porque ninguén o quere levar. Se hai un convenio do Metal na zona de Vigo, tense que falar no Parlamento. A esas persoas que están realmente fartas da política nacional-católica, de protección da Igrexa, coma a asistencia á procesión do Cristo da Vitoria da presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, unha cerimonia neofranquista.

Políticas ao servizo do pobo
P: Resuma o seu programa en tres puntos.

R: Xa tocamos algúns. Direi... unha política de soberanía enerxética, un control absoluto e piramidal da política enerxética, unha refundación da agricultura, que practicamente desapareceu do país, e unha política medioambiental ao servizo do pobo. As riquezas de Galicia, naturais, son da nación, e e ela quen pode administralas.

P: Que se pode facer co agro?

R: Poñer en vigor granxas e explotacións piloto de carácter público ou en combinación con cooperativas de propietarios, expropiar terras de cultivo que foron abandonadas igual que se expropian outras cousas, e unha posta en vigor dos montes de Galicia mediante unha política nacional por suposto de acordo democraticamente cos seus titulares.

P: O BNG presentouse tras o reparto eólico coma o partido ''que ousou que o vento fose para os galegos''. Está a FPG conforme coa adxudicación?

R: Pois só unha mínima parte dos cartos quedan aquí, unha mínima parte, e Galicia segue sendo dependente enerxeticamente. Tamén vemos que non se lle concederon eólicos a ningunha soa empresa de titularidade pública, só a particulares, a capitalistas, e non todas cotizan en Galicia.

Hai demasiada agresión á paisaxe, exportamos enerxía eléctrica a Madrid pero na Serra do Guadarrama non hai muíños de vento, porque existe unha protección ao turismo e á paisaxe. Aquí hai unha sobreexplotación colonial. O PNV creou en Euskadi unha empresa nacional eólica, que logo privatizou, pero creouna, logo é sinal de que se pode crear; aquí non hai ningunha e tiveron tempo para creala. A mentalidade do Goberno bipartito é unha mentalidade neoliberal.

Unha oposición en clave de nación
P: Faga balance do paso dun partido nacionalista pola Xunta. Foi un Goberno distinto, en clave de país?

R: Foi un Goberno en clave de país, pero nós estamos en clave de nación. 'En clave de país' é o leitmotiv do Bloque, pero non é dicir nada. Cando quixeron facer un novo Estatuto era neutro, falaba de cousas coma a potenciación da linguaxe de signos español para xordomudos. Aquí o que hai que facer é unha política especial da educación das persoas que teñen esa dificultade.

É un Estatuto transparente, carente de contido, que non recolle nin sequera a posibilidade de reformar a administración territorial sobre a base das parroquias, que defende o nacionalismo galego dende 1918 e que defendemos nós. A FPG propón a supresión das provincias e das deputacións, e un modelo territorial coma o portugués. Nós clamaremos por isto se chegamos ao Parlamento, e se a oposición é só a do PP fará o posible porque todo fique como está e porque as deputacións se robustezan, pois son a base do inmobilismo e do sistema caciquil.

Eu non distingo moito da política do BNG e da política do PSOE! Penso que foi un Goberno moi ben aglutinado onde se repartiron os papeis e que funcionou coma un só partido. A historia dos dous gobernos é un invento de Núñez Feijoo. Eu non vou caer niso. Foron solidarios, unidos, estiveron de acordo en todo e cando houbo discrepancias corrixironas ve-loz-men-te.

Independentismo de armario
P: O independentismo galego nunca se presentou unido a unhas eleccións. Onde están as trabas?

R: O independentismo galego é moito máis amplo que a FPG. Estou seguro de que a maioría dos votantes do BNG son independentistas, e incluso a maioría das persoas do propio partido, pero son 'independentistas de armario' que lle teñen medo a formular as nocións de república e unha independencia de España, aínda que despois se fagan concesións.

Nós queremos que aflore o independentismo que está agochado. Defendemos unha reforma ampla deste movemento, coa nosa simpatía provasca e propalestina. Moitos están a favor da independencia destes pobos pero non de Galicia, hai unha grave contradición que provén do noso pasado como pobo colonizado. Queremos que os galegos lle perdan o medo á liberdade.

P: O panorama do 1-M conta con dous partidos novos. Terra Galega, que vén a ocupar un espazo galeguista; e UPyD que ocupa o oco españolista. Como ve a estas formacións?

R: (risas) Pois Rosa Díez xa entrou moi ben! Veu unha señora do País Vasco explicarlle aos galegos como é Galicia! Pois se hai galegos que teñan tan pouca vergoña como para permitir que llo explique unha parachoquista entre un avión e outro avión... (risas) será moi interesante ver cantas persoas votan por esa opción.

A Terra Galega non a coñezo o suficiente. Preséntase como partido anticomunista, de dereitas pero que non é o PP. Non hai moita novidade. Identifícanse co PNV e con CiU, pero estes dous son independentistas, Convergencia se non se declara coma tal está moi próximo. Entón estes que se declaran nacionalistas moderados e queren imitar o modelo vasco e catalán, este modelo en materia de lingua non é moderado, é radical, como debe ser, porque con esas cousas non se pode xogar. Á lingua hai que salvala.

Rosa Díez: ''unha vasca que odia o vasco''
P: Cal é a lexislación que hai que introducir en materia de lingua?

R: Máis ca de lexislación, o que hai é un problema de goberno. Coa lei que existe pódense tomar medidas importantes para a salvación da lingua con criterios serios e con apoio. Foi positivo que seguindo unha petición histórica da esquerda independentista que a política lingüística non dependese do ramo da Educación, senón da Presidentecia, e que se fixo nesta lexislatura. A lingua ten que ser un problema transversal, que toque a todas as consellerías. Pero hai que dar pasos máis serios.

P: E que se fai co Decreto do galego?

R: Ben... hai xente que se resiste a Educación para a Cidadanía, e que se resiste a isto. Pero son elementos residuais que non queren a recuperación da súa lingua. Rosa Díez é vasca, ten unha cara de vasca que podería dicirse que é unha caricatura, poslle un traxe rexional e só lle falta bailar o aurresku! (risas) Pero é unha vasca que odia o vasco.

Aquí hai galegos que odian o seu idioma. E un avance, grande ou pequeno, que se dea en favor da súa recuperación, están en contra. Se hai avances pequenos e Fraga está na Xunta, como era intocable, estiveron calados. Agora dase un avance mediano e protestan porque non está Fraga para frealos. Tamén hai que ter en conta que quen leva a vangarda das reivindicacións de Galicia Bilingüe é o club financeiro de Vigo. Non terán cousas máis importantes das que preocuparse en época de crise financeira?

P: Que vai pasar o 1-M?

R: Non o sei. Podo dicirche que eu desexaría poder levantarme no Parlamento de Galicia a preguntarlle á presidenta, se repite Dolores Villarino, por que foi á cabeceira da procesión do Cristo da Vitoria de Vigo e por que renuncia a cento e pico de anos de política laicista do PSOE. Ou cal é a opinión do Goberno sobre o convenio colectivo do Metal na comarca olívica. No Parlamento é onde hai que falar disto.

P: Cal será o obxectivo principal da FPG se ripa un escano?

R: O obxectivo principal é facer retroceder ao PP, impedir que forme goberno. E despois, a quen saia elexido, exercer a oposición dende a esquerda.

Comentarios