Xabier Díaz conxura un disco contra os "prexuízos sobre as pandeiretas"

O cantor acompáñase das Adufeiras de Salitre no álbum 'The tambourine man', que sae este mércores ►O traballo recolle pezas dos Ancares e foi mesturado no estudo de Arturo Vaquero en Friol
Xabier Díaz (sobre os pandeiros), coas Adufeiras de Salitre e os músicos Gutier e Javier Álvarez
photo_camera Xabier Díaz (sobre os pandeiros), coas Adufeiras de Salitre e os músicos Gutier e Javier Álvarez

Xabier Díaz vén de parir un disco e está optimisma. ‘The tambourine man’, que así se chama a criatura que o cantor coruñés alumbrou coas Adufeiras de Salitre e os músicos Gutier e Javier Álvarez, sae este mércores á venda. Como todos os pais, Díaz agarda grandes cousas deste seu fillo máis novo; sobre todo, «que serva para tirar prexuízos sobre as pandeiretas».

Xabier Díaz está certo de que a minusvaloración deste instrumento ten que ver con que se trata «de algo de mulleres», que perde en comparación coa gaita, «máis vistosa e máis monárquica, se queres», chancea.

Este músico e investigador engade que o poeta andaluz Antonio Machado, malia ser un gran estudoso das formas da música e os metros tradicionais, non estivo «moi afortunado» o día que acuñou do «país de charanga y pandereta». «Acabou recuncando a frase, pero a súa pegada...».

Fronte á asociación das pandeiretas «con algo cutre e chabacano», Xabier Díaz anima a poñerse «aristocrático, exquisito», con este instrumento de percusión humilde e iso é o que procura en ‘The tambourine man’ na compaña das Adufeiras de Salitre, once cantoras e precusionistas de man que o acompañan nesta xeira.

Forman parte deste supergrupo de mulleres a luguesa Carolina Vázquez, a meirega Noemi Basanta e Iria Penabad, de San Miguel de Reinante. Cabo delas, Xabier Díaz traballou durante dous anos e medio para artellar un produto «feito con todo o mimo e o talento do que dispoño e co obxecto de que lles guste aos neófitos». Finalmente mesturouno todo no estudo que Arturo Vaquero xestiona en Abrigueiro, en Friol. «É un disco de música tradicional, pero quería que soase contemporáneo».

«Os preconceptos Antonio Machado non estivo moi afortunado o día que acuñou o de ‘país de charanga y pandereta’»

Quere este músico que ‘The tambourine man’ lles chegue, mesmo, aos que se laian co habitual «xa están aí as da pandeireta a berrar, dando a matraca».

Para acadalo, mediu «a dose axeitada» para cada peza: «Ao mellor chega con tres pandeiretas e non hai que meter 25 ao mesmo tempo», di. Tamén pescudou as pandeiretas coa tímbrica máis axeitada para cantar sen forzar. «Non quixen nada agresivo nin distorsionado», enfatiza.

Atopou Xabier Díaz neste propósito outro aliado na figura do luthier de Carballedo Pablo Carpintero, quen traballa con pandeiretas antigas, de diferentes tamaños e materiais, no achado da «harmonía e sutileza» que procuraba para este traballo.

Porque o do ‘tambourine man’ -o home pandeireta, nunha tradución ao galego- que lle dá nome ao disco, amais dunha chiscadela a Bob Dylan quere funcionar como metáfora. «Dylan canta en ‘Mr. Tambourine Man: ‘Toca para min, voute seguir’. El foi un revolucionario das músicas populares e eu quero chegar tamén aos non afíns ao tradicional».

Alguns dos once cortes que compoñen este traballo teñen as raíces ancoradas a finais dos oitenta, cando Díaz iniciou a recolleita que o levou á Montaña luguesa. Sucede con ‘Cántiga da Montaña’, o primeiro single do disco, e tamén cun canto de voda de Villasumil, nos Ancares leoneses.

«A revisión Fixen un disco para que lles guste aos que se laian co habitual ‘xa están aí as das pandeiretas a dar a matraca’»

«Cómpre facer un traballo específico para darlle máis dimensión ás músicas da Montaña de Lugo. Chegará o momento de instrumentos como a pandeira. Eu síntome en parte depositario do que gravei e aprendín das informantes, podo achegar as gravacións e tamén dar algún consello».

Xabier Díaz fixo neste ‘The tambourine man’ unha excursión alén da galegofonía que o levou á Montaña de Palencia e ao ‘Agarrado de Cervera de Pisuerga’ ao modo campurriano. Malia un ADN «cen por cento galego», adianta que non lle importaría facer un disco de músicas do Norte da Península. «Síntome cómodo e non me quero poñer moitas limitacións».

Relacionao coa existosa incursión na música de Galicia de Kepa Junkera, quen colabora con Díaz neste álbum. «Tería sido o mesmo se un galego fixese un disco vasco? Ao mellor, non, pero poñernos marcos é absurdo».

Xabier Díaz sostén que nesta altura da súa vida non se ve facendo outra cousa que non sexan discos, aínda que lembra a reacción dos seus pais -«sorprendidos e aterrorizados»- cando lles dixo que deixaba a carreira de Aparelladores para iniciar unha carreira na música tradicional. «Aínda lle digo a meu pai que como aparellador estaría agora no paro, co da crise inmobiliaria, e como músico, pois vou vivindo», bromea.

«As fronteiras O meu ADN é galego cen por cento, pero atópome cómodo nos sons do Norte da Península»

Sexa por cousa de que ten un disco recén saído do forno ou por un olfacto exercitado durante décadas, Xabier Díaz cre que se está a xestar unha «nova eclosión» para a música galega. Matiza que non cre que sexa coma o chamado boom dos noventa, porque a industria «mingou nos últimos anos». Está de acordo con que agora o panorama é máis coral e colaborativo, fronte aos egos e os grandes nomes de hai 20 anos. «É certo que un movemento necesita iconas, caras, nomes, pero tamén que veu o temporal e o levou todo».

Nesta andaina con ‘The tambourine man’, Xabier Díaz propúxose saír fóra do país. Realizará a presentación do vindeiro 16 de outubro no teatro Rosalía, mais xa ten pechadas actuacións en Madrid (Galileo Galilei) e Barcelona (Tradicionàrius) para o 4 e 5 de decembro. «Ou somos capaces de saír de aquí para tocar fóra ou estamos condenados a ficar nun bucle», explica. «Eu teño vontade de saír; este é un disco de ‘world music’ que se pode escoitar en calquera sitio».

Considera Xabier Díaz que, na actualidade, só catro nomes da música galega entran no circuíto estatal -Luar na Lubre, Carlos Núñez, Cristina Pato e Budiño- e entende que se trata dunha bagaxe «moi terrible» para o talento que hai en Galicia. «Non podemos quedar na nosa pequena república; alleos a todo».

«A situación actual lévanos a unha realidade moi perniciosa e falseada. Temos un talento que hai que facer viable e para iso hai que atender tamén o ‘business’; ou a atendes ou estás fastidiado», sostén.

Sabe que o teito de cristal é difícil de rachar porque os grandes medios españois «non atenden ás músicas periféricas, nin sequera ás súas propias músicas tradicionais alén do flamenco», pero é pai recente dun disco e está optimisma. «Algo se move».

Comentarios