Roxelio Carballo: "A Xunta defende un negocio"

Presidente da Federación de Anpas de Pontevedra —un organismo que aglutina a 170 asociacións da provincia— móstrase moi crítico co Goberno autonómico, coa Lomce e coa xestión do orzamento destinado a Educación, sobre todo no referente aos libros de texto, o peche de aulas escudado na baixa natalidade e no decreto de convivencia nos centros
Roxelio Carballo
photo_camera Roxelio Carballo

A Fanpa, Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Pontevedra, aglutina a unhas 170 Anpas da provincia, entre elas practicamente todas as da capital, tanto de colexios como de institutos e mesmo de escolas infantís e do Conservatorio de Música. Roxelio Carballo preside o organismo desde 2014.

Como se presenta o novo curso que se inicia hoxe [por este xoves] en Infantil e Primaria?

Querería dicir que ben, pero a verdade é que estamos bastantes sorprendidos por todos os problemas que nos relatan. Hai unha baixa de natalidade, iso non se pode negar, pero era un bo momento para aproveitar e optimizar recursos, non en forma de recortes, senón en forma de aulas mellor dotadas, cunha ratio de profesores máis equilibrada, non sempre esgotando o límite de 25 nenos por aula. Pero iso non se está cumprindo. Estase aproveitando para pechar aulas en todas partes, para facer unha redución absurda de medios sen ningún tipo de contraprestacións en calidade. Por outra banda, ábrense o comedor escolar e o Plan Madruga de Parada-Campañó, que foi unha petición do centro porque estaba perdendo matrícula e só con isto se notou un incremento. Tamén no da Carballeira (Lourizán), onde se abre o Madruga e a ver se podemos poñer o comedor neste curso. Neste caso é a única maneira de que poida competir cos de Praceres, Lérez e Xunqueira. Son dous colexios moi bos.

O conselleiro de Educación afirmou nunha entrevista publicada neste medio que daba igual que houbera 10 ou 20 alumnos nunha aula, xa que estarían igual de ben atendidos. Que opina disto?

Non é o mesmo. Como vai ser? Xa non é o mesmo ter 25 rapaces no Ceip Álvarez Limeses, que somos todos dun estrato social homoxéneo, que telos en Monte Porreiro, ou na Xunqueira, ou no rural. Cada colexio é un pequeno microcosmos da xente que o conforma. Tanto é así que ata se recolle no decreto de convivencia, no que se lle dá aos colexios a posibilidade de poñer as súas normas. No de Barcelos, por exemplo, poderíanse aforrar cartos. Péchase unha aula aproveitando que un profesor se xubila, con trienios e beneficios como funcionario. Substituílo por un profesor novo sería un gasto menor. Poderíase conseguir unha ratio máis equilibrada de nenos, pero non, o que se fixo foi pechar a aula. Outra cousa que nos chama a atención é que se pecha esa aula, pero estanse pagando concertos con colexios privados. Entendemos que primeiro haberá que esgotar as prazas en colexios públicos e cando pase iso, se fan falta prazas, fanse concertos. O que non pode ser é que os cidadáns esteamos pagando dúas veces o mesmo servizo.

Porque as familias poden solicitar praza tanto nun público como nun concertado.

É exactamente o mesmo. Poden elixir colexio independentemente disto. Así hai nenos que poderían matricularse en Barcelos pero foron ao San José. Quitas unha aula nun público e mantela nun concertado.

Entón as xubilacións de mestres non se están a cubrir?

Este ano hai unha taxa de cobertura máis elevada. Para o próximo está por ver que sexa do 10%. A Consellería defende que lle dá igual ter unha praza cuberta que non, porque os interinos cobran igual que os profesores titulares, e que están limitados pola taxa de reemprazo que lle vén marcada polo Goberno central. Non imos discutir iso. Creo que a Administración ten ferramentas sobradas para impoñer unha política cando quere. Iso nos di a experiencia.

"A baixa de natalidade era un bo momento para optimizar recursos e reducir as ratios, pero só están pechando aulas"

Isto vai ligado ao mapa de escolarización. A Anpa de Barcelos propoñía un distrito único para que as familias elixiran centro independentemente do seu domicilio e non se circunscribira o colexio á zona que agora lle corresponde, e que neste caso lle prexudica ao ser unha área de baixa natalidade e con moitas vivendas baleiras. Que opina desta proposta?

É un ámbito de captación de alumnos moi limitado, pero iso non só lle pasa ao de Barcelos. Na Carballeira pasa o mesmo. É un colexio que ten dificultade de acceso, nun ámbito semiurbano ou semirrural, algo que as normas non entenden. Non ten dereito a transporte escolar e a xente elixe o de enfrente, que é concertado (Sagrado Corazón de Praceres).

Que solución propón xa que logo?

Simplemente redefinir os mapas. Os mapas mudan, son moi dinámicos, sobre todo agora, hai moitos cambios poboacionais en pouco tempo. Isto ten que ser máis áxil.

Que valoración fai da implantación da Lomce feita ata agora?

Foi unha implantación a medias, todo está en discusión. Desde a perspectiva dos pais estamos vendo que probablemente morra o ano que vén.

Todo dependerá das eleccións xerais de decembro?

Claro. O período de vixencia non ten ningún sentido. Todas as leis teñen que ter vocación de perdurabilidade e na educación moito máis. Nas propias administracións máis favorables á Lomce se está implantando co freo de man botado. Son conscientes de que probablemente non pase dos dous anos de vida. Na experiencia que temos ata o de agora hai cousas boas e malas. Probablemente as máis criticables son as reválidas, xa que non sabemos a que aternos. A lei di unha cousa e a Administración outra. Ata agora non conta no expediente, pero a lei di que ten que contar e mesmo que o seu resultado debe ser primordial para pasar de ciclo. A sensación de que nos queda é que non se atreven a levalo adiante neses termos ata que non estea implantado socialmente. Sen contar que desde maio aínda non se coñecen os resultados da reválida de 3º de Primaria.

E a de Bacharelato tampouco está definida aínda?

A de Primaria definiuse 15 días antes de facela. A lei di que teñen que ser profesores externos e foron os propios dos centros quen a fixeron. Hai medo á reacción social que habería de poñer esa reválida desde Primaria. Ademais un exame desas características non di nada da avaliación dos nenos e é un contrasentido coa avaliación continua. Se queren analizar do nivel de cada centro ou alumno respecto ao nivel xeral non son necesarios estes mecanismos.

De cara a este novo curso ven que poderá quedar no aire a implantación pendente da Lomce?

Hai comunidades autónomas do PP que a teñen paralizada. Non temos información suficiente para saber que vai pasar, pero sería bo que a Xunta de Galicia se plantexara un ano de ‘stand by’.

"A Lomce probablemente morra o ano que vén. A Xunta debería plantexarse un ano de stand by"


Outra das polémicas xurdidas nos últimos meses está relacionada cos bancos de libros. Cal é a postura da Fanpa ao respecto?

Tivemos unha reunión co director xeral de Centros na que se nos garantiu que se un rapaz tiña dereito a cheque de axudas ía estar cuberto polo banco de libros. Que non ía pasar o que era clarísimo cando saíu a orde: que se eu teño dous fillos, un cuberto polo banco e outro polo cheque, con mesmo nivel de renda, un ten axudas directas pero o outro pode ter libros do banco ou non. Depende dos manuais que haxa, que son os que se deran cos cheques do ano anterior. Se tiñas unha clase cun nivel alto de renda, este ano practicamente non tes libros. Pero despois, pola porta de atrás, tiveron que corrixir a situación cunha orde interna, obrigando aos centros a comprar os libros que faltaban cos seus fondos. Convertiron unha cuestión que era voluntaria e solidaria, que funcionaba bastante ben, polo menos en Pontevedra, co banco de libros municipal, nunha cuestión de procedemento administrativo. Foi incorporar a persoas a un proceso administrativo cunha garantía xurídica nula. Se eu dependo de entregar un libro do banco para recibir outro, teño que ter un comprobante de entrega, tempo para alegar... Sería como o proceso de presentar a declaración da renda. A ninguén se lle ocorre que as asociacións de veciños poidan recoller as declaracións. É o mesmo.

Cre que a educación é un negocio?

Hai áreas da educación que son un negocio. Cando hai unha partida da Xunta de once millóns de euros para axudas en libros, en só seis cursos de dez; cando a propia Administración podería redactar o material para uso escolar, porque son materias de dominio público, evidentemente hai negocio. Cando ao propio director xeral de Centros lle pedimos que os manuais elixidos polos claustros de profesores non leven dereitos de autor nin de copyright nos diga que iso non se pode facer porque senón as editoriais os deixarían dous anos sen libros, está claro que está defendendo un negocio. A min se me dan un millón de euros, non digo once, fago apuntes para toda Galicia. Mellores que os libros. Abertos, editables, presentados en todo tipo de formatos, sen dereitos de autor... Hai unha reforma da Ley de Propiedad Intelectual pola que hoxe en día a un pai que o pillen fotocopiando un libro de texto das táboas de multiplicar lle poden caer seis anos de prisión. Non ten sentido. Pode ter dereitos de autor, pero non de copia, para que non sexa penalizable fotocopialos. Pero o director xeral de Centros defende que non.

Poderían suprimirse os libros de texto e substituílo por material elaborado polos mestres?

Todo depende dos claustros de profesores. Hainos máis ou menos proclives. Tampouco se trata de impoñer unha fórmula de pedagoxía. Outra cuestión é que ese material fundamente unha industria. Os datos están aí. Cando o grupo Prisa ten que vender o seu principal valor para sobrevivir vende Santillana, non vende Alfaguara, que á súa parte de negocio máis rendible. Se vemos as contas der resultado desas empresas a resposta é moi sinxela.

Sobre a carga horaria do alumnado, cre que é moita, pouca, suficiente? É comparable con outros sistemas educativos con menos horas e máis eficaces?

Non somos licenciados en Pedagoxía nin en Maxisterio. Non tanto a carga lectiva, pero a parte criticable é a dos deberes. Cando queres que os rapaces vaian a actividades extraescolares é complicadísimo compaxinalo cos deberes. Hai nenos de terceiro de Primaria con dúas horas de deberes. É unha queixa bastante común. Non falemos xa se volven á casa ás cinco porque quedan no comedor ou con horario partido. Tampouco sei se se pode facer unha aula sen deberes. Hai que ter certo marxe de confianza cos profesores.

A Xunta publicou un decreto marco para articular a convivencia nos centros de ensino de Galicia. Que opinión lle merecen estes plans de convivencia?

A miña perspectiva é extraordinariamente negativa por dúas razóns fundamentais. Unha, califica de falta cousas xa recollidas no Código Civil ou no Penal, como o acoso escolar, o bullying... Non necesito un programa que volva lexislar sobre o mesmo. Ao mellor hai que adaptar esa lexislación aos casos de menores. Iso é perigosísimo. A segunda parte é que non podemos vivir nunha sociedade na que cada centro defina o que é falta ou delito ou non. Por exemplo, o decreto di que se poden adaptar as normas á realidade social e cultural de cada centro. Un colexio concertado de orientación relixiosa pode dicir que manifestar ateísmo é unha falta contra as normas de convivencia. Onde está recollido iso nunha norma civil ou penal? Ao contrario, é un dereito fundamental á liberdade relixiosa. Unha cuestión son as normas e para iso xa están os directores sobradamente autorizados sen abrirlle a portas a situacións kafkianas. Todo queda á decisión da Comisión de Convivencia. Outra barbaridade é que esta comisión funciona como un organismo colexiado, con reunións mensuais e unha serie de obrigas. Os funcionarios da Administración teñen compensación económica por iso, pero obrígaselle a asumir estas responsabilidades a persoas individuais sen contraprestación ningunha. Non é como o Consello Escolar.

Dicía que cada colexio é un microcosmos. A inmigración repercute en gran medida neste feito?

Repercute moito. Cando se pechou a aula do Ceip Barcelos a Anpa dicíanos que nese colexio inflúe moito que hai moitas incorporacións ao longo do curso, unha alta porcentaxe eran inmigrantes, polo que a matrícula ía aumentando. A inmigración é unha cuestión importante. En Barcelos dáse a circunstancia de que a lingua vehicular xa case non era o galego ou o español, senón que pasaba a ser o inglés. Eu creo que iso é enriquecedor, pero...

Pero hai xente que o ve como unha desvantaxe? Que non elixe este centro por esta circunstancia pese a súa céntrica situación?

Temos unha memoria curta. Un país eminentemente emigrante como Galicia debería ter outra perspectiva do que significa a inmigración. Mesmo Europa, que ten un problema de envellecemento salvaxe e que lle está chegando a solución gratis péchalle as portas.

Comentarios