Entrada libre e gratuíta

As demandas da vaxina

A blogueira e guionista pontevedresa Diana López Varela debuta no mundo do teatro coa obra 'No es país para coños', unha comedia delirante sobre o universo feminino
Déborah Vukusic, Rocío Romero, Arantxa Treus e Diana López Varela (de esquerda a dereita) bromeando este mércores no palco da música da Alameda de Pontevedra
photo_camera Déborah Vukusic, Rocío Romero, Arantxa Treus e Diana López Varela (de esquerda a dereita) bromeando este mércores no palco da música da Alameda de Pontevedra

Consulta dun xinecólogo. Tres mulleres falan das súas vidas e dos seus xeitos de pensar sobre o sexo, as relacións e a maternidade. É o punto de partida da obra ‘No es país para coños’, coa que debuta no teatro, "en realidade no microteatro", a blogueira, guionista e xornalista pontevedresa Diana López Varela.

"A creadora, que xa participara na adaptación do guión de ‘Pulp Fiction’ para unha lectura dramatizada en Madrid, dirixida por Carlos Vermut, achégase agora en solitario á escena como autora e directora desta montaxe, que se estrea este venres en Pontevedra e que tamén se verá en Barro e en Vigo.

"Métome neste proxecto por culpa dunha das actrices, Arantxa, coa que coincidín no Boom! Film & Comic! de Vigo. Conectamos moi ben e propúxome que lle escribise algo para elas". Porque Arantxa Treus e a pontevedresa Rocío Romero teñen un grupo de teatro que se chama Falabaratas co que fan cousas para cativos e teatro de rúa. A elas dúas sumouse neste proxecto Déborah Vukusic, ourensana afincada en Vigo. "Diana prendoume porque está pirada. E como nós estamos zumbadas tamén, pois iso", confesa Treus.

"Estamos un pouco fartas de ser as mulleres de, as secretarias de, as conas benditas de... Estamos aquí. Escoitádenos!"

Para ‘No es país para coños’, a creadora di que pensou nun sitio pequeno, con pouco atrezzo, no que tres mulleres puideran falar. "Leveino ao meu terreo e introducín os temas que me interesan: o aborto, a sexualidade, a promiscuidade... Todo cun punto moi divertido. Isto é unha comedia delirante", di a autora. Treus xa contaba con que López Varela tirase polos seus temas fetiche. "Era exactamente o que quería, que saíse algo para mulleres. Estamos un pouco fartas de ser as mulleres de, as secretarias de, as conas benditas de... Estamos aquí. Escoitádenos! A nós tamén nos gusta follar, moitas veces máis que aos homes". Rocío Romero concorda: "O bo desta obra é que fala das cousas que nos pasan cunha linguaxe directa". Marca da casa de López Varela. "Xa é hora de que alguén fale do que nos sucede. Somos a metade. Ben o merecemos".

As tres protagonistas da obra son tres mulleres con tres tipos de vida moi distintos. "Unha, que ten moi claro que non quere ter fillos. Outra, embarazada. E a terceira ansiosa por casar e ter fillos antes dos 30", explica a autora. "Aínda que é unha parodia, son tres tipos de mulleres coas que eu convivo. O que fago na obra é deixalas falar, que expoñan as razóns que teñen para pensar como pensan. No fondo, do que se trata é de lanzarlle ao espectador a mensaxe de que ningunha é mellor ca outra e que o único que hai que facer é respectar os dereitos individuais".

A proposta de López Varela tamén xoga a romper tabús e rachar con tópicos. "Como o da embarazada feliz. Feliz por decreto e non hai máis que falar, cando soen ser experiencias duras física e mentalmente. Ao final o que hai é un gran descoñecemento sobre moitas experiencias femininas".

Segundo din as actrices, moito do que se representa promove o debate. "Incluso pode que firamos algunha sensibilidade. E seguro que hai quen nos chame ‘feminazis’ sen razón. Contamos con iso. Pero é interesante levar á xente fóra da súa zona de confort". López Varela pensa que é hora de que as cousas cambien. "Cando unha película está dirixida por un home e protagonizada por homes ninguén pensa que é só para eles, sobreenténdese que é para todos. Neste caso non é unha obra para mulleres. É unha obra de teatro. Punto". As actrices apóiana. "Por agora non será país para coños, pero con nós vai empezar a selo".

Comentarios