A Deputación pon en marcha o Servizo Provincial de Igualdade

Loitar contra a violencia de xénero e visibilizar as mulleres na sociedade son dous dos obxectivos deste novo organismo, o primeiro deste tipo na entidade supramunicipal
Silva estreou o seu novo cargo cun acto con mulleres centrado na igualdade, o 20 de xullo de 2015
photo_camera Silva estreou o seu novo cargo cun acto con mulleres centrado na igualdade, o 20 de xullo de 2015

Loitar contra a violencia de xénero, promover a igualdade entre homes e mulleres, a cohesión social e a visibilización das féminas na sociedade son algúns dos principais obxectivos do Servizo Provincial de Igualdade, un novo organismo que poñerá en marcha a Deputación de Pontevedra segundo anunciou este venres a súa presidenta, Carmela Silva, despois de que a iniciativa fose aprobada pola Xunta de Goberno local, que tamén asinou unha declaración en contra da violencia machista.

"Esta é unha das grandes apostas do novo goberno da Deputación, xa que por primeira vez créase un órgano propio de igualdade que, ata o de agora e aínda que pareza mentira, non existía. Creo que debíamos ser unha das poucas, senón a única, Deputación provincial que non tiña un servizo de igualdade", subliñou. O novo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, tal e como sinalou a presidenta, responde a tres fins fundamentais. O primeiro, promover a igualdade entre mulleres e homes. Neste sentido, Carmela Silva asegurou que se traballará "a través da educación como mellor ferramenta para acadar unha verdadeira igualdade e a través de estratexias activas para a súa implantación nos concellos, comunidades educativas e universidade".

En segundo lugar, perséguese a visibilización das mulleres na sociedade mediante a colaboración e traballo diario con asociación de todos os sectores produtivos e profesionais nos que traballan: o ensino, a comunicación, o audiovisual, a cultura, a ciencia, a sanidade, etcétera. Deste xeito, Silva destacou que se trata de "facer visibles as mulleres que hoxe ocupan posicións en todas as áreas do público e privado".

O terceiro obxectivo é o da transversalidade, porque, como sinalou, "as políticas de igualdade teñen que impregnar todas as áreas de traballo da institución e facerse efectivas nos concellos para estender esa igualdade a todos os niveis da sociedade e incorporar ese principio como un factor de cohesión social".

O principio de igualdade e a perspectiva de xénero serán, ademais, implantadas na xestión dos recursos humanos, na formación do persoal da Deputación así como no servizo de prevención de riscos laborais.

LINGUAXE NON SEXISTA. Ademais, o Servizo Provincial de Igualdade traballará, tal e como destacou Carmela Silva, "nalgo tan fundamental como é a linguaxe: instrumento que temos para crear pensamento, conviccións e formas de entender e relacionarse no mundo. En concreto, potenciarase a linguaxe inclusiva nos textos que leve a cabo a institución provincial, incluíndo tamén as campañas de comunicación institucional. Este é un ámbito moi importante de actuación para a loita contra a desigualdade e para evitar a violencia de xénero. Soamente en sociedades que estean plenamente convencidas dos principios de igualdade se poderá evitar sociedades nas que as mulleres sexan asasinadas polo mero feito de ser mulleres".

Coa finalidade de potenciar a linguaxe inclusiva, a Deputación de Pontevedra creou unha guía de linguaxe inclusiva que, en palabras da presidenta provincial, "a partir de agora empregarán todas as áreas da Deputación. Tamén se enviará ós concellos da provincia para que teñan a posibilidade de utilizar".

Esta guía recolle estratexias léxicas e gramaticais para utilizar termos xenéricos; uso de nomes abstractos en alusión a cargos, cualificacións ou profesións; introducción de neoloxismos; desdobramentos, barras ou construcións gramaticais.

Comentarios