Zumbido de 'moskas' pola cidade de Pontevedra

Nove compañías de distintos puntos de España participan no festival de teatro a pé de rúa Itineranta, que se prolongará ata este xoves
O público volveu achegarse con curiosidade ás propostas de Itineranta
photo_camera O público volveu achegarse con curiosidade ás propostas de Itineranta

Un mono de cor laranxa de cinco metros de altura subido nun dos parasoles da terraza do Café Savoy. Moscas que parecen sacadas dunha película de ciencia ficción tocando nunha charanga. Robots futuristas interactuando coa xente no Teucro. Son cousas que só pasan no festival Itineranta de Peste martesvedra.

‘De Peluche’, da compañía Efimer; ‘Músiko Moskas’, de K de Calle, e ‘Cybernia’, de Pablo Méndez, foron os espectáculos que abriron este martes, no centro histórico da cidade, a programación da sexta edición do festival de teatro na rúa Itineranta.

O mono xigante da compañía catalana Efimer foi o que máis impresionou aos nenos. Montado nunha estrutura móbil movida con cordas e manexada por varios operarios, saíu da Praza de España e moveuse ata a de Curros Enríquez pasando pola Peregrina e a Ferraría, tirando confeti e demostrando que era quen de inflar unha pelota de praia para xogar con ela.

‘De peluche’ foi a primeira proposta que se puido ver este martes na cidade. Seguíronlle os zaragozanos K de Calle que conquistaron á xente cunhas moscas desvergonzadas que compoñían unha especie de charanga. Con ela percorreron as rúas da cidade marcando o ritmo e interactuando co público ao tempo que facían coreografías. Saíron de Méndez Núñez e foron ata a Praza da Peregrina.

A xornada rematou con ‘Cybernia’, do grupo galego Pablo Méndez Performance, un espectáculo protagonizado por robots xigantes, unhas súper máquinas que o seu creador lle mostrou ao público. O seu roteiro iniciouse na Praza do Teucro e estaba previsto que fose ata A Peregrina.

Itineranta prolongarase ata estes xoves. A compañía Efimer presentará outros dous shows: este mércores ‘Traps’ e estes xoves ‘The Dance of the Death’. Ademais, a programación de este mércores tamén inclúe propostas de Troula Animación, Turutukupa e Tutatis.

Comentarios