Os hostaleiros xa se poden inscribir na Ruta das Tapas do vindeiro setembro

Os interesados terán que oficializar a súa participación antes do 24 de xullo e preparar nomes, fotos e publicidade das tapas antes do 15 de agosto
Reunión cos hostaleiros no Concello
photo_camera Reunión cos hostaleiros no Concello

Comezan os preparativos para unha edición máis da Ruta das Tapas, que este ano coincidirá de novo coa celebración do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu), entre o 10 e o 13 de setembro. Os interesados en participar terán que inscribirse oficialmente antes do 24 de xullo, segundo anunciaron onte Silvia Carballo, concelleira de Economía e Turismo, e Sonia Cabodevila, do departamento de Desenvolvemento Local, despois dunha reunión cos propios hostaleiros.

Nesta xuntanza tamén se pactou un calendario máis alá do 24 de xullo. Os admitidos presentarán os nomes das tapas antes do 31 de xullo, mentres que entre o 14 e o 15 de agosto terán que enviar as fotos e ter pechada a publicidade de cara a esta ruta.

O precio unitario das tapas será de 1,80 euros. A celebración da Ruta das Tapas dependerá da participación dos hostaleiros, xa que só tera lugar se se presentan máis de seis establecementos, un obxectivo que se acadará sen problemas. Esta iniciativa tivo un grande éxito durante a súa pasada edición, na que ofreceu tapas de produtos do mar. O Festival de Curtametraxes, que cada ano ten unha maior relevancia, axudou a que a ruta cumprise coas súas expectativas. A organización espera que isto suceda un ano máis.

Antes desta Ruta das Tapas Bueu tamén acollerá outros eventos gastronómicos, como a tradicional Festa do Polbo, que se celebrará o fin de semana do 14 ó 16 de agosto.

Estas iniciativas nacen da colaboración entre hostaleiros locais, Concello e o Grupo de Acción Costeira (GAC) e buscan dinamizar tanto a produción local como o turismo, os maiores activos da vila nestas datas. Os amantes do cine e da boa comida atoparán en Bueu a combinación perfecta. A Ruta das Tapas permitirá ós asistentes ó FICBueu ter un momento de paz ó tempo que coñecen a gastronomía buenense.

Comentarios