‘'NoitePedras’', a nova alternativa nocturna no PAAR de Campo Lameiro

A música en vivo será a protagonista os sábados á noite durante este verán. Hai diferentes opcións para visitar o Parque Arqueolóxico, gozar dos petróglifos e cear alí mesmo
Asistentes a unha das visitas nocturnas guiadas polo PAAR
photo_camera Asistentes a unha das visitas nocturnas guiadas polo PAAR

O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro traballa para dar a coñecer o patrimonio cultural do Concello. Por iso, innova con actividades durante o ano para atraer a veciños e visitantes. A novidade esta tempada estival chámase ‘NoitePedras’. Trátase dun evento que pretende potenciar a actividade nocturna neste espazo.

Adaptada para todos os gustos, idades e petos, esta iniciativa xorde para ofrecerlle ao público cinco opcións diferentes de lecer. Os concertos en directo, que en xullo se celebrarán os sábados, terán un prezo de entrada de tres euros, e serán ás 23:00 horas. A programación xa está pechada e o encargado de abrir estas veladas musicais será Fran Pérez, ‘Narf’. O vindeiro sábado, día 18, será a vez do famoso trío de jazz do cubano Alejandro Vargas e o 25 actuará o famoso violinista Kamo Petrosian.

Outra das opcións de lecer que ofrece este evento estival é unha visita nocturna guiada na que os visitantes poderán coñecer aos protagonistas do Parque,os petróglifos. O prezo desta actividade é de dez euros e comezará ás 23.30 horas.

PREMIUM. No outro lado da balanza, a opción más exclusiva é a chamada ‘Cea Premium’. Cun prezo de 60 euros, o usuario comezará a noite cun cóctel de benvida antes de realizar a visita guiada nocturna.

A exclusividade desta elección vén da man da cea degustación deseñada e presentada polo chef Jorge Caeiro, de Casa Tito.

Pero esta opción non é a única. Hai mais posibilidades para gozar dunha noite especial nun lugar tan peculiar como é o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre. A chamada ‘Vía Castro’ é unha variante que inclúe cea e a actuación musical. Por outra banda, a ‘Cea Pagana’, cun prezo de 30 euros, inclúe visita guiada ademais do concerto e a unha exquisita cea pagá.

Todos estes servizos contan con prazas limitadas, polo que a reserva previa é obrigada. Os interesados deben dirixirse ao teléfono 986 696 066 ou, vía correo electrónico, a [email protected].

Comentarios