O Festival MexilonseTuits abre o prazo de presentación de candidaturas

A festa das redes sociais da comarca, que se celebrará no mes de outubro en Cangas e está impulsada por Fecimo, incluirá a entrega dos tradicionais Premios Galegos do Social Media
Os gañadores dos premios da edición do ano pasado ao remate do festival
photo_camera Os gañadores dos premios da edición do ano pasado ao remate do festival

Cangas acollerá o vindeiro mes de outubro a cuarta edición do Festival #MexilonseTuits, a festa das redes sociais da comarca, no que se entregarán os Premios Galegos do Social Media. O seu obxectivo, como en anos anteriores, será amosar exemplos e seren inspiración para o tecido empresarial galego e para o conxunto da sociedade en xeral sobre o uso e potencial das novas tecnoloxías.

O prazo para presentar os traballos candidatos nunha ou varias das oito categorías a concurso xa está aberto desde esta semana e ata o vindeiro 9 de agosto. Os interesados, que deberán ser persoas físicas nadas ou residentes en Galicia ou empresas radicadas na comunidade, xa poden entrar na web www.mexilonsetuits.com, cubrir un formulario de rexistro cos seus datos persoais, explicación do traballo e categoría a concurso, así como os enlaces precisos para visualizalo.

Cada participante poderá presentar un máximo de tres traballos por categoría. A organización valorará a calidade e a adecuación de cada proposta. Se o proxecto é admitido a concurso, será logo traballo dun xurado profesional composto por persoeiros de recoñecido prestixio no eido da comunicación e das redes sociais determinar quen se alza cos MexilOnseTuits deste ano, decisión para a que se terán en conta cuestións cualitativas coma estratexia, creatividade ou innovación, e cuantitativas como o grao de interacción e o incremento de vendas.

Os traballos admitidos a concurso deberán estar realizados entre xullo de 2014 e xuño deste ano, e poderán participar nalgunha das seguintes categorías: Mellor Blog de Moda, Mellor Blog Informativo/Cultural, Mellor Blog Turístico, Mellor Blog Gastronómico, Mellor Movemento Social, Mellor Campaña Comercial, Mellor Vídeo Viral e Mellor E-commerce. Tamén se fará entrega dunha mención especial a un proxecto ou persoa que a organización considere merecedor da distinción.

MexilonseTuits e os seus Premios Galegos do Marketing en Medios Sociais é un proxecto colectivo no que participa como entidade organizadora a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), promovendo o uso das novas tecnoloxías no eido das pequenas e medianas empresas da comarca.

Nado cun espírito de colaboración, nel teñen cabida empresas e entidades da comarca do Morrazo que, baixo a temática das novas tecnoloxías e os medios de comunicación social, tenta tamén poñer en valor e dar a coñecer esta península no seu conxunto (gastronomía, patrimonio, natureza, etc.). O festival quere, ademais, ser un punto de encontro para o ‘networking’, onde as empresas, emprendedores e particulares poidan compartir ideas e establecer sinerxías para futuros proxectos.

Comentarios