PDF

Ver la portada de hoy

 
Votacion: 
5 (1 voto)
Sociedad | Cultura 0

María Solar: "Chegar ós lectores sen renunciar ó galego é o máis bonito do universo"

A escritora, Premio Lazarillo 2015, vive con ilusión a traducción de 'O meu pesadelo favorito' ó castelán e catalán

María Solar, escritora. Pepe Ferrín

María Solar, escritora. Pepe Ferrín

A historia de Manuel, o protago nista de O meu pesadelo favorito, xa se pode devorar en castelán e dentro de moi pouco chegará ás librarías tamén en catalán, da man da editorial Gromera. Cóntao ilusionada a súa autora, para quen 2015 é o ano das traducións. ''Eu vivo isto cunha ilusión tremenda. Os escritores que apostamos por escribir en galego temos complicada a traducción. Non é fácil abrir portas'', explica María Solar. ''Ademais de O meu pesadelo favorito, saíu A verdadeira historia da mosca da tele con Anaya en castelán e vai saír tamén en catalán. Que poidas chegar a moitos lectores sen ter que renunciar ó galego é o máis bonito do universo'', engade.


Como se le sendo traducida?
Estou moi contenta da tradución que fixo Mercedes Pacheco ó castelán, da edición de Siruela. É unha editorial moi especial, coida moitísimo o produto. Na colección das Tres Edades están títulos como El mundo de Sofía, Caperucita en Manhattan... Simplemente poder estar con eses nomes, co meu libro aí, é moi emocionante. Di que escribe en galego porque non lle sae doutra maneira. Si. Por algunha razón que se me escapa éme moito máis doado escribir en galego. Ó final o que ten que primar é a literatura, o idioma é o de menos. Eu escribo en galego, que logo che traduzan a outros idiomas ou te lean noutros idiomas é perfecto. O que ten que primar é o produto que estás escribindo. Logo temos grandísimos tradutores. Creo que é mellor que che traduza algunha persoa porque ó ser linguas en contacto podes ter dúbidas. Por outra banda, léome en castelán e léome feliz.

''Por algunha razón que se me escapa éme moito máis doado escribir en galego. Ó final o que ten que primar é a literatura, o idioma é o de menos''

Seica foi o Premio Lazarillo o que lle abriu esas portas a outras linguas.
O Premio Lazarillo é coñecido en Galicia, pero cando chegas a Madrid ves a importancia que se lle dá alí. Gañárono autores como Ana María Matute. E si, o Lazarillo abre moitas portas. Deseguida chámante as editoriais para publicar o libro. Eu puiden escoller entre varias. Logo convidáronme os reis á comida do Cervantes deste ano. E eu pensaba, que leven un autor dunha lingua do estado que non é o castelán, que ademais fai literatura infantil, coido que é un recoñecemento importante, para a literatura galega, para a literatura infantil... Precisamente, en O meu pesadelo favorito rende homenaxe á escritora Ana María Matute. Cando morreu Ana María Matute cheguei a casa esa noite e púxenme a escribir. Creei un personaxe que era o vendedor de olores e chameino Arsenio Matute. Fíxeno coma unha humildísima homenaxe á autora. Despois entereime de que este ano cúmprense cincuenta anos desde que Ana María Matute gañara o Premio Lazarillo. Pareceume que quedou todo tan redondo! Que 50 anos despois de que ela gañara, e cando acaba de falecer, haxa un personaxe dedicado no novo Lazarillo... Creo que é unha desas cousas máxicas que acontecen ás veces.

A historia de Manuel, como os seus libros anteriores, non é só para nenos.
No audiovisual está absolutamente superado todo iso. Ti vas ver unha película para todos os públicos e non llo explicas a ninguén. Vas ver unha peli dirixida a distintas xeracións e punto. Eu sempre traballo con niveis de lectura. Se o teu neno le contigo un libro meu el vai ver unha aventura máis ou menos divertida e ti collerás outras claves en distintos momentos que te achegarán máis o mundo dos adultos, ós sentimentos... Sempre xogo con iso. Hai que volver ver a literatura infantil como algo para todos os públicos.

Inspírase nos seus nenos ou en rapaces e rapazas do seu entorno para crear os seus personaxes?
Funciono moito por instinto do que lle pode gustar ós nenos e logo todo o que me pasa na vida me serviu para algo. Cando escribín A verdadeira historia da mosca da tele acordeime da miña viaxe de lúa de mel a Cuba. Lembro que había unha mosca no avión. Cando se abriu a porta do avión e a mosca saíu, do golpe de calor deu a volta para atrás. E fixen un conto sobre iso. Miña nai contábame un montón de historias de meigas, lendas... E escribín As meigas de Lupa. Cando visito os coles sempre lles digo ós nenos que teñen que ter coidado co que lle contan ós escritores, porque logo o contamos todo nos nosos libros. Lembro a noticia do nacemento de dous cans verdes en Valladolid. En Mi pesadilla favorita hai dous cans verdes... Todo serve.


Aí saca a xornalista que leva dentro...
E á bióloga! Todo o que viviches está en ti. Na historia de Manuel falamos de personaxes especialmente tenros. Cando empecei a escribir este libro tiña moi claro que quería facer unha historia con dous planos, un que se refire ós soños e outro á realidade. Eu quixen crear unha realidade moi absurda e o plano dos soños o que me permitiu foi ter moita liberdade no plano da fantasía.


Hai en O meu pesadelo favorito unha repartidora de bicos moi especial...
Practicamente en todos os meus libros hai unha clave de humor, pero cando vas aprendendo a escribir vaste soltando no plano dos sentimentos. Quería levar á xente a que dentro deste riso lles estrañaran un pouco os sentimentos. Creo que pasa co vendedor de olores e coa repartidora de bicos. Cando a traduciron ó castelán, Mercedes Pacheco chamoume para dicirme que chorara nese capítulo, e cando María Lires fixo as ilustracións, igual. Un adulto fai unha lectura aí un pouco máis intensa que os rapaces. O que queres conseguir é que a xente leve un sorriso co libro pero que nun determinado momento se emocione tamén. Esa é a literatura grande.

''Son moi pouco mitómana. O que si me pasa é que me gustan moitos autores e incluso se me olvidan moitos, pero quedo cos sentimentos que che producen os contos''

Que hai de María Solar nestes personaxes?
De todo. A ciencia está presente, a curiosidade... Eu son moi curiosa. Ese espertar dos sentimentos... Eu son unha persoa cariñosa. Hai moito de min. Ó mellor é o libro no que hai máis de min.


Que libros lle marcaron a vostede na nenez, ou que autores son os seus referentes?
Son moi pouco mitómana. O que si me pasa é que me gustan moitos autores e incluso se me olvidan moitos, pero quedo cos sentimentos que che producen os contos. Encantoume de pequena O Principiño, e algúns libros de Verne. Fun lectora de pequena de literatura infantil en galego. E despois inflúenme desde os xornais ata unha conversación.


Tamén fai referencia a Alicia no país das marabillas.
Fíxena adrede, pero esta Alicia ela mesma di que non é como a outra. A outra é unha nena ben, esta é unha nena pobre, vítima de explotación infantil, é unha nena cariñosa que está protexendo a Manuel. Coido que Alicia é unha das obras máis grandes da fantasía. Esa homenaxe si o ten, pero Alicia é diferente. Este libro, que ten ese humor, ese absurdo, eses soños e ese sentimento, ó mesmo tempo non é un libro que evita as cousas malas: fala de morte, da ausencia dos seres queridos, de nenos que se senten diferentes e están sendo tratados como raros. Creo que hai que ser valente e enfrontarse tamén os temas ‘feos’.


É licenciada en Xornalismo e en Bioloxía e tamén fixo Maxisterio. Que está a estudar agora?
Agora non estou estudando. O que estou facendo é documentarme para unha novela que quero escribir. Son unha persoa moi cabezona e moi ríxida comigo mesma e dáme medo meter a pata. Levo demasiado tempo documentándome para unha novela que espero escribir este verán.


Para nenos tamén?
Esta teño moi claro que é xuvenil. Teño unha para adultos que espero que vexa a luz o ano que vén. A min o que me pide a idade para a que van é a historia. Esta historia na que os protagonistas son nenos e que conta un feito histórico moi relevante quero rescatala para os adolescentes. Teño só oito páxinas escritas pero aí estamos... De todas maneiras non sinto a necesidade de pasarme á literatura para adultos. Estou feliz na literatura infantil.

''Para min a vida é o xornalismo e a comunicación. O que me pasou é que encontrei outra vía de comunicación nos libros. Pero é todo o mesmo. Na radio, na prensa, na tele... O que fas é relacionarte cos demais contándolles historias''

Non podemos esquecer a súa faceta de comunicadora. É un dos rostros habituais da Galega e ten importantes premios.
Para min a vida é o xornalismo e a comunicación. O que me pasou é que encontrei outra vía de comunicación nos libros. Pero é todo o mesmo. Na radio, na prensa, na tele... o que fas é relacionarte cos demais contándolles historias. Nos libros fas historias que son inventadas, pero esa comunicación dalgunha maneira é a mesma. Hai parte que se estuda e parte que non. Ou a tes ou non a tes. Ou comunicas ou non. Eu non entendo un libro como contar unha historia e queda aí. Cando falo na tele fálolle a persoas e na radio igual. Incluso busco unha intención. É como eu o vivo. Ó final son todo facetas de algo moi próximo.

Agora mesmo está facendo a Revista da fin de semana na TVG, un programa que lle permite coñecer a personaxes distintos e profundizar nas súas historias, non si?
É moi bonito. E, sabes que pasa? que che abre as portas a darlle tempo a cousas que igual nun informativo non ten encaixe. Na Revista entran todos eses temas, podes coñecer a moita xente. Eu levo 18 anos dedicados ó xornalismo, teño chorado, emocionado, teño rido... Ó final non son mitómana das grandes figuras pero si quedo coas historias persoais. Dúas veces cheguei a emocionarme pero de que me caeran as bágoas, cun home que estaba agardando un trasplante e cunha das fundadoras das nais da Praza de Maio. Hai historias que te axitan.


Se non fose xornalista, a que se dedicaría?
Bióloga, case seguro. Ou investigadora. Bióloga máis que de dar clase de estar en laboratorios. Ser mestra é outra maneira de comunicar. Si. É certo. Eu sempre estudei e traballei. Empecei de actriz de dobraxe estudando Maxisterio. Din clase unhas semanas nun cole por unha substitución. Logo metínme en Bioloxía e cando estaba rematando entrei en Radio Compostela. Despois chamáronme para facer unha proba na Galega. Cando fixen Xornalismo levaba anos como xornalista.


Como xornalista, que lle preguntaría a María Solar?
Un mesmo non se ve coa distancia suficiente como para autoentrevistarse pero si sei o que non me preguntaría... Iso de cando vas dar ó salto á literatura para adultos?

TEST. Pecados confesables. "Non me arrepinto, aprendo. E pido perdón se é necesario"

Fixo trampa nalgunha ocasión?
Sinceramente creo que non. Se empezaramos por non facer trampas de pequenos igual de maiores había menos corruptos.


Que é o peor que fixo nun arranque de carraxe?
Dicir algo que non sentía.


Levou algo dalgures ou marchou dalgún restaurante sen pagar?
Levei un xornal dun bar. Lino, metino debaixo do brazo e marchei, pero por despiste, nin me enterei.

''Poder, podería, pero non me gustaría nada vivir sen espello''

Que sería capaz de facer por un millón de euros?
Se teño para alimentar aos meus fillos, non faría nada extraordinario por cartos.


Fáiselle a boca auga cando…
Ulo comida rica.


Quen ou que situacións espertan os sus desexos máis ocultos?
As situacións de inxustiza cos máis desfavorecidos.


Na mesa, ante que non se pode resistir?
Ante calquera boa comida, son absolutamente omnívora. Gústame cociñar e comer.


Podería vivir sen espello ou é das persoas que se van mirando nos escaparates?
Poder, podería, pero non me gustaría nada vivir sen espello.


Cal é a súa tenda/lugar preferido para sentirse culpable?
Unha zapatería calquera.


A preguiza véncelle cando…
Teño que ir ao ximnasio.


De que se sente máis orgullosa de si misma?
De ser cabezona e pelexar polas cousas e as persoas.

''Se puidese escoller ser outra persona, repetiría comigo, con erros e todo''

Que non perdoaría nunca?
A mentira.


Se puidese ser calquera persoa no mundo, quen sería?
Repetiría comigo, con erros e todo.


Arrepíntese de…
Non me arrepinto, aprendo. E pido perdón se é necesario.


Cal é a última mentira que contou?
Unha ao meu fillo. Que se non tomaba o leite lle botaba unha crema rexuvenecedora que o devolvía aos 5 anos. Funcionou. Tomouno.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.