Barriga Verde volve a Pontevedra

Unha exposición amosa por vez primeira na capital da provincia os bonecos orixinais do último creador de monicreques das feiras galegas
Detalle da exposición
photo_camera Detalle da exposición

Barriga Verde volve a Pontevedra. Non á feira. Nin ás prazas. Faino ao Pazo da Cultura. Unha exposición, inaugurada onte, amosa por primeira vez na capital da provincia bonecos orixinais do último creador de monicreques das feiras galegas, José Silvent, un estremeño afincado en Lérez que acabou por converterse nunha lenda da cultura popular galega.

Ata o vindeiro 31 de maio poderase visitar‘Barriga Verde, de feira en feira’, unha mostra pola que xa pasaron unhas 7.000 persoas mentres estivo en Lugo, Compostela e Lalín, segundo a organización. Realizada pola asociación cultural Morreu o Demo, a montaxe conta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación do Lugo, o Concello de Pontevedra, o Museo Provincial de Lugo e o Museo do Pobo Galego.

A exposición, que foi inaugurada onte en Pontevedra polo presidente de Morreu o Demo, Anxo García; a comisaria, Comba Campoy, e Alfonso Silvent, da familia de José Silvent (Barriga Verde), explora a figura e a historia deste personaxe.

Set fotográfico. ‘Barriga Verde, de feira en feira’ inclúe xogos interactivos propios das feiras, exemplos das mercadorías que estaban presentes nestes eventos e un set fotográfico de ‘a minuto’, que lle permiten ao público integrarse no mundo de José Silvent. «Para facilitar a inmersión, a mostra reproduce diferentes postos de venda e entretementos, xogos como o ‘pimpampum’ ou o péndulo e máis un pequeno teatro de monicreques para quen o queira empregar», indican os responsables da mostra.

Un dos obxectivos da asociación Morreu o Demo con esta actividade é pór en valor a figura e o traballo de José Silvent, ao tempo que o relaciona directamente coa tradición do títere europeo. «A iniciativa pretende reivindicar a importancia deste patrimonio inmaterial da nosa cultura, inxustamente esquecido, situándoo á par de figuras internacionalmente recoñecidas como Pulcinella ou Punch». Así, aquí poden verse tamén pezas traídas de distintos países de Europa: os ‘parentes’ de Barriga Verde no resto do continente.

No Pazo da Cultura poden verse os bonecos orixinais que José Silvent empregaba no seu espectáculo e que agora saen ao público por vez primeira desde as súas últimas actuacións hai xa medio século.

«Ademais, hai fragmentos da auténtica barraca que visitaba as feiras e material orixinal doutras atraccións». Precisamente, parte do que se pode ver na mostra conservouse ata agora ben preto do Pazo da Cultura, xa que a familia Silvent cedeu algúns dos elementos que atesoura na súa casa de Lérez. A exposición complétase cuns paneis sobre a historia da familia Silvent e unha serie de fotos.

Comentarios