Álvarez Torneiro y García Montero, en PontePoética

A quinta edición do festival de poesía celebrarase os días 17, 18 e 19 de abril e estará dirixida pola poetisa Yolanda Castaño
Yolanda Castaño na presentación de PontePoética.
photo_camera Yolanda Castaño na presentación de PontePoética.

Os poetas Álvarez Torneiro e García Montero estarán entre os invitados á quinta edición de PontePoética, un festival que se desenvolverá no Teatro Principal de Pontevedra a vindeira semana. Onte, durante a presentación, a concelleira Anxos Riveiro afirmou que ''esta é unha edición moi especial polo programa e polas persoas, os creadores e creadoras que nos van acompañar durante estes tres días na nosa cidade''. E a poetisa e directora do festival, Yolanda Castaño, engadiu que ''sería bastante complicado negar que PontePoética sexa o mellor festival de poesía de Galicia e tamén sería complicado negar que estas son das mellores voces, que representan algúns dos poetas máis importantes das cinco linguas da Península Ibérica''.

Esta actividade contará cun elenco ''maravilloso'', onde entre o que é importante destacar o único poeta galego que ten conseguido o Premio Nacional de Poesía, Manuel Álvarez Torneiro, e o gañador dun Premio Loewe e merecedor do Premio Nacional da Crítica, Luis García Montero. Os demais integrantes que conformarán esta actividade son: Harkaitz Cano, Olalla Cociña, Susanna Lliberós, Lucía Novas, Jose Luís Peixoto, Lello Voce e Isaac Xubín.

A inauguración de PontePoética será o venres ás 17.30 horas e o recital de clausura, onde estarán todos os poetas participantes, será o sábado ás 19.00 horas. Os recitais de poesía serán abertos a todo o mundo, con entrada libre.O Teatro Principal é a referencia fundamental do festival, pero para inundar máis espazos públicos de Pontevedra, os escritores visitarán ó alumnado do IES Luís Seoane, IES A Xunqueira II e IES Torrente Ballester, o venres pola mañá. Tamén o italiano Lello Voce estará no Pub El Pequeno o sábado as 22.30 horas. Ademais, esta programación contará cun ‘Obradoiro de Narrativa’ a cargo de Harkaitz Cano, o sábado as 11.00 horas, e un obradoiro de poesía a cargo de Luis García Montero, o domingo as 11.00 horas.

Os interesados poden inscribirse nos obradoiros a través do correo [email protected] ou no teléfono 669428188, ata o xoves 16 de abril. A concelleira engadiu que ''non haberá problema de extensión, todo o que queira asistir, poderá facelo''.

Comentarios