O Salón do Libro Infantil e Xuvenil clausúrase cun balance de 34.000 visitas

O evento péchase enterrando unha 'caixiña dos desexos' e plantando unha moreira na Illa do Covo. A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, fai unha valoración positiva "dun proxecto con camiño por diante polo que merece a pena loitar"
O alcalde, a concelleira de Cultura e Orbil enterraron unha caixa dos desexos na Illa do Covo durante a última xornada do Salón do Libro
photo_camera O alcalde, a concelleira de Cultura e Orbil enterraron unha caixa dos desexos na Illa do Covo durante a última xornada do Salón do Libro

Cun balance de 34.000 visitas recibidas pechou onte o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra despois dun mes de actividades. "Esta cifra supón un importante incremento respecto a edición do ano pasado, cando foran algo máis de 29.000 os visitantes do Salón", indica a organización do evento. "Este balance inclúe asistentes tanto aos obradoiros concertados polas mañás para os centros escolares como as visitas que tiveron lugar en aberto para o público en xeral". O Salón quixo destacar a importante afuencia de estudantes, máis de 14.000, nestas semanas. De feito, a implicación dos colexios foi en aumento en xeral: pasaron de 31 (en 2013) e 36 (en 2014) a 40 os que este ano achegaron os seus traballos á exposición do Pazo.

"O balance que facemos é moi positivo", indicaba onte a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. "O Salón é un proxecto consolidado, con moito camiño por diante, polo que merece a pena seguir loitando. O traballo que facemos aquí é moi necesario".

Orbil. Para pechar a súa programación, o Salón do Libro realizou onte o soterramento dunha caixiña dos desexos na Illa do Covo "na que os cativos depositaron anhelos relativos ao futuro da cidade de Pontevedra", explicou a organización. No acto participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Cultura e a mascota do Salón, o lobo Orbil, quen, ademais aproveitou para plantar unha árbore, unha moreira, "como símbolo da pervivencia do espírito do Salón do Libro durante todo o ano e para visibilizar a estreita relación do Pazo da Cultura coa Illa do Covo".

O acto comezou no interior do Pazo cunha charla do comunicador Iñaqui Quenerapú sobre retrofuturismo. Xa fóra, quen levou a iniciativa foi Luán, de seis anos, que se encargou de colocar no céspede un sinal coa frase ‘Estes son os desexos do público do Salón do Libro 2015 para a nosa cidade’.Entre as peticións que foron soterradas para seren descubertas en 2020, as máis orixinais foron as dos rapaces: "Que as fadas sexan máis grandes para que as poidamos ver" ou "Que os coches voen, como nas películas". Pola súa banda, Anxos Riveiro pronunciou en alto un dos seus desexos: "Que esta edición 2015 sexa eterna, porque é un traballo moi fermoso".

Obradoiros, contacontos, concertos, teatro, danza, cine, coloquios, debates e presentacións de libros conformaron a programación do evento, que este ano, como novidade, tamén ocupou o Recinto Feiral. Entre os convidados do Salón, que se celebrou baixo o lema ‘Da ciencia á ficción’ e incluíu máis de 300 actividades, estiveron Xurxo Mariño, María Solar, Chévere, Pep Bou, Paulo Lameiro, Francesco Tonucci, Jorge Mira, Ángel Carracedo e Yllana.

"Que as fadas sexan máis grandes para que as poidamos ver" e "que os coches voen" foron algúns dos anhelos dos cativos

Comentarios