Muller e poder político

Ando a ler con frecuencia, ultimamente, a respecto da aínda sospeitosa unión entre mulleres e poder. Merkel en Alemaña, a chilena Bachelet, nos EE.UU. unha Secretaria de Estado, unha Portavoz do Goberno e toda unha precandidata á Casa Branca (¿cómo é posible que nos leve a dianteira nisto unha sociedade como a norteamericana?). Contamos aquí cunha brillante Vicepresidenta e un considerable elenco de ministras. A muller da un paso, cada vez máis estendido e seguro, aos postos máis altos do escalafón.

Aínda así, e confirmando que a muller se atopa sempre na picota, no punto de mira para ben ou para mal, cada un deses postos custa suores a mares (un cargo feminino será mil veces máis posto en cuestionamento ca o dun compañeiro): cando un home asume unha carteira, a ninguén se lle levantan automáticas suspicacias (“será quen de facelo como debe?”, “observarémolo con lupa día a día…”). Hiper-cuestionadas, vixiadas con mil ollos, presionadas a demostrar, sobre-xulgadas.

E sen embargo, no outro extremo, leo tamén mil parvadas de que con mulleres no poder apenas habería guerras. Que o mundo estaría rexido pola comprensión e polo amor, xamáis pola violencia. Todos eses absurdos e simplistas tópicos fraco favor lle fan á muller. Hainas frías e interesadas, déspotas e inflexibles. Tamén negociadoras e comprensivas, tolerantes e sagaces. E iso é realmente o que a min me gustaría. Que unha presidenta non fose xa noticia. Que no poder estea, só, quen teña que estar.

Comentarios