Dueto poético galaico-xaponés

''O meu fillo que saíu para o xardín de infancia pola mañá/ volveu para casa de noite feito un home de 35 anos./ Chegas tarde, dixen./ Si, mirando para o reloxo de cuco con cariño/ respondeu cunha voz grave de home''. Así releía en galego Yolanda Castaño 'Marcho!', o poema de Yasuhiro Yotsumoto que el mesmo viña de recitar en xaponés no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Ese poema e outros de Yotsumoto están incluidos no libro 'Babelia en galego', que a Deputación Provincial editou dentro da colección Cíes e que onte se presentaba oficialmente na cidade cun recitado dos dous autores.

''Este volume é a consecución dun soño'', comezou Castaño, coordinadora e tradutora do volume. A poeta lembrou como a idea para este traballo colectivo, naceu dun obradoiro que se celebrou en Eslovenia no verán de 2010 e que reuniu durante unha semana a poetas de linguas maioritarias, cun grande número de falantes, e de outras máis pequenas. ''Neste 'gran irmán' poético foi que coincidimos escritores de idiomas como o xaponés, o chinés e o ruso, con outros como o canarés, que falan 35 millóns de persoas na India, o galego, o esloveno e o maltés''.

A reunións dos distintos autores, ''de xeracións diferentes e de rexistros poéticos tamén dispares'', concluíu cunha tradución recíproca dalgunhas das súas obras.

(Máis información na nosa edición impresa do 8 de febreiro).

Comentarios