Opinión

Cadaquén, polo seu camiño

O PRIMEIRO de maio, o domingo pasado, foi o Día da Mai e o Día da clase traballadora. Xuntáronse dúas conmemoracións ben parecidas e diferentes ao mesmo tempo. Foi o Día da Mai dos traballadores, dos amigos, de todos os que constitúen o grupo numeroso da boa xente, dos políticos, dos adáns e baldroeiros, o Día da Mai de cada un de nós e de vós, aínda que moitos sabemos que tódolos días de tódolos anos son o Día da Mai, moitas veces, case sempre, con celebracións caladiñas e ben sentidas. Pero, a tradición marca que aquí sexa o primeiro domingo de maio, que este ano tocou o día un, como en Portugal, Hungría e Lituania. Grande ledicia para comerciantes grandes e pequenos. Todos atentos ás vendas para que os fillos e fillas desta terra nosa teñan lembranzas para a súa nai, naiciña, «como a que non hai ningunha».

Cada unha delas viña de seu pai e da súa mai e ía polo seu camiño, o único verdadeiro

Noutros lugares fan esta conmemoración noutro día, maioritariamente escollen un da primavera. O vinte e un de marzo tocoulles ás mais de Exipto, Líbano, Palestina, Siria e Xordania; para o oito deste mes de maio será en Corea do Sur. En Francia e Suecia celebran este día o último domingo de maio; en Tailandia, o doce de agosto; en Arxentina, no mes de outubro; o oito de decembro, en Panamá, e o 22 do mesmo mes, cando aquí o Gordo da Lotería escapa para outra parte, en Indonesia festexan o Día da Mai e no mundo, que conta con cerca de sete mil cincocentos millóns de habitantes, hai miles de milleiros de millóns de mais. Cada unha delas e todas, excepcionais.

Son tamén mais de traballadores como elas, de noite e de día, en moitos casos. Mais e fillos, pais, avós e avoas, irmáns e irmás, con algunha condición que os identifica, constitúen a “casta” traballadora, poderíase dicir que forman unha clase social ben diferenciada da ‘casta’ a secas, da que algúns falan e que parece pertinente que se acabe.

A coincidencia temporal foi total, o mesmo día celebráronse o Día da Mai e o Día Internacional da Clase Obreira. Moitas das protagonistas da primeira celebración tamén o foron da segunda. Igual que en anos anteriores e a pesar de perseguir o mesmo obxectivo, as organizacións sindicais foron en manifestacións distintas. Cada unha delas viña de seu pai e da súa mai e ía polo seu camiño, o único verdadeiro. Para o ano que ven, deberíamos pensar en conseguir que as mais fosen unidas e, con tanta forza, darlle media volta ao mundo.

Comentarios