Opinión

O leite da leiteira

SEMPRE SE dixo que o leite era un alimento básico para os máis pequenos e para os outros. Para facer unha dieta equilibrada e sa, segundo os expertos, era conveniente tomar leite con certa abundancia. Entendíase que este produto achegaba varios nutrientes necesarios para o correcto e adecuado medrar dos ósos e para que o organismo gozase de boa saúde, proporcionándolle importantes cantidades de calcio, proteínas, vitaminas A, B1, B2, B12, C e D, fósforo, iodo e enerxía para resistir e para vivir. Todos, especialistas, expertos e inexperimentados entendían que non se podía prescindir do leite.

Un alimento básico de produción galega e de calidade extraordinaria que pasaba directamente do ubre da vaca coidada polo labrego-gandeiro, polas mans e a xarra ou a caneca da leiteira, á mesa de almorzo de cada casa da vila ou da cidade. Un recoñecido bo alimento, o leite enteiro con tona, con sabor a gloria e con enormes capacidades para erradicar a anemia nos tempos en que a había. Hoxe non é así: aos gandeiros non lles pagan o leite nin lles deixan producilo e, ademais, ninguén é quen de saber o que compra no supermercado, onde se presentan multitude de marcas e un sen fin de variedades, descargadas de grandes camións autorizados para o transporte internacional e envoltos en propaganda. Se as leiteiras levantaran a cabeza, morrerían de noxo e de medo.

Leite fresco, enteiro, semidesnatado, desnatado, leite con pouca lactosa ou sen lactosa, con Omega-3, con sabor e sen olor. Se as leiteiras levantaran a cabeza...

Leite fresco, enteiro, semidesnatado, desnatado, leite con pouca lactosa ou sen lactosa, con Omega-3, con sabor e sen olor. Hai leite en envases de mil maneiras con anuncios incitando ao consumo, con etiquetas coloreadas, ben deseñadas e con escasa información de utilidade. Con letra pequena e bordeando os límites da ilegalidade. Incluso, outros leites anúncianse como posuidores de sustancias favorecedoras da redución da presenza de colesterol no sangue de quen os toma. O consumidor, antes de entrar a comprar leite, debería matricularse nun deses cursos avanzados para aprender o que procede rexeitar.

Hai leite enriquecido con calcio e leite con fibra que se anuncia como meritorio na axuda á regularidade intestinal. Outros son leites pasteurizados, esterilizados ou microfiltrados e tamén hai nos estantes comerciais leites vexetais, de soia, con almendra ou con avea. O que non está moi claro é cal deberán coller os que queren tomar leite que sexa leite, como era o da leiteira?

Comentarios