En Marea denuncia as carencias do Hospital Comarcal do Salnés

Eva Solla, voceira de Sanidade do partido, considera inadmisible o peche de camas
Eva Solla e Marcos Cal realizaron unha visita polas instalacións do hospital
photo_camera Eva Solla e Marcos Cal realizaron unha visita polas instalacións do hospital

Eva Solla, voceira de Sanidade de En Marea, e Marcos Cal, deputado por Pontevedra da mesma formación política, visitaron este xoves o Hospital Comarcal do Salnés para coñecer o estado no se que se atopan estas instalacións.

Solla denunciou o peche de camas, no terceiro andar do edificio, que se produce durante os meses de verán, o que obriga a mesturar a pacientes de diversas especialidades médicas.

"É inadmisible que mulleres embarazas compartan espazo con outros pacientes polo peche de camas no Hospital do Salnés", denunciou a deputada. A voceira tamén dixo que esta medida coincide cun aumento notable da poboación da zona, polo que non se pode permitir o peche de camas.

Os representantes desta formación política escoitaron tamén aos celadores do centro, que levan meses denunciando a insuficiencia de persoal no mesmo. "Na quenda de noite quedan só tres en todo o Hospital", afirma En Marea.

Os celadores xa denunciaron, hai varias semanas, esta situación. O centro sanitario conta cun plantel de 25 celadores cando un informe de hai dez anos recomendaba aumentar a cifra.

REUNIÓN. Solla e Cal mantiveron unha reunión coa subdirectora médica do Hospital Comarcal do Salnés, que lles amosou as novas instalacións tralas obras de ampliación realizadas. "Dáse a circunstancia de que dende novembro está vacante a dirección do centro", subliñaron.

O grupo político anunciou que denunciará a situación na que se atopa o Hospital ante o Parlamento de Galicia, así como o peche das camas e "a ausencia de persoal que arrastra dende que pasou de ser unha fundación a formar parte do Servizo Galego de Saúde.

Comentarios