Luis Bará: "O éxito da festa é que dura un día e medio. Ampliala pode ser un risco"

Concelleiro de Cultura en Pontevedra entre 1999 e 2005, é o indiscutible 'pai da Feira Franca'. "Estou pensando se facer as probas de ADN", bromea. Grazas ao seu empeño de hai 16 anos e a un intenso traballo de documentación, xunto a un selecto equipo de colaboradores, a festa medieval é hoxe todo un referente no panorama galego
Luis Bará, concelleiro de Cultura en Pontevedra entre 1999 e 2005
photo_camera Luis Bará, concelleiro de Cultura en Pontevedra entre 1999 e 2005

Agora que todo o mundo se desfai en eloxios sobre a Feira Franca, convén botar a vista atrás para lembrar como xurdiu a festa, cales foron os atrancos iniciais e por que callou tan ben entre a cidadanía dende o primeiro momento. E quen mellor para facer ese repaso que o ‘pai da Feira Franca’, o seu maior valedor. Luís Bará, concelleiro de Cultura entre 1999 e 2005, fala do pasado, do presente e do futuro deste evento.

Como naceu a idea de celebrar unha festa histórica na cidade?

No programa de goberno do BNG de 1999 incluímos a idea de organizar unha festa de tipo histórico baseada no pasado de Pontevedra. O que mellor atopamos foi a etapa de finais do século XV e principios do XVI, a de maior esplendor da cidade e cando tivo unha proxección internacional indubidable.

Barallouse outra opción festiva á parte da histórica?

Non. Estaba claro que debía ser unha festa de base histórica porque Pontevedra tiña unha historia moi rica, con moitos acontecementos que se podían recrear, e o centro histórico ofrecía unhas vantaxes exclusivas que tiñamos que aproveitar.

Por que en setembro?

Porque buscabamos unha festa que dese continuidade ata setembro a toda a programación do verán. E xusto coincidía que a Feira Franca se celebraba 15 días antes e 15 despois de San Bartolomeu, polo tanto era a festa perfecta.

Vostede foi un dos que máis apostou por esta festa. Pódeselle chamar ‘o pai da Feira Franca’?

(Sorrí) Bueno, non sei se haberá que facer as probas de ADN. Estouno pensando, polo tema dos ‘royalties’. En serio, eu fun o redactor do programa cultural de 1999 e a festa estaba incluída nel. Pero foi un traballo de equipo, no que colaboraron persoas como o historiador Juan Juega, o arquiveiro municipal Enrique Sotelo, a técnico de Normalización Lingüística Conchi Cochón... e logo todo o Consello da Feira Franca, que foi a verdadeira clave do éxito.

Como foi aquela primera edición?

De tanteo, porque a festa tiña unha dimensión escasa e poucos recursos. Non sabiamos moi ben por onde ía tirar. Algunhas asociacións ambientaron espazos, pero a Feira limitouse ó triángulo A Leña-A Verdura-A Ferrería. Pero aquilo foi a semente e a partires de aí xa veu a eclosión.

Ribadavia converteuse en fonte de inspiración pero ó principio moita xente considerou á Feira Franca como unha copia daquela...

É certo que había varias festas históricas cunha factura semellante: Ribadavia, Betanzos (que tamén se chama Feira Franca), etc. Pero creo que nós conseguimos darlle unha identidade propia á festa, primeiro, porque temos un escenario único que ningunha outra vila tén e, segundo, tiñamos á cidadanía, á xente de Pontevedra.

O espírito festeiro que caracteriza a Pontevedra e á súa xente supuxo xogar con vantaxe?

Iso foi un elemento fundamental. E despois, buscar a fórmula participativa que fixo que moitos espazos do centro histórico estivesen ocupados por asociacións sen fins comerciais, manter un equilibrio entre a parte festiva e a parte lucrativa.

Cada ano xorden voces que piden unha ampliación da Feira Franca a máis días. Por que non se fai?

Hai dous tipos de celebracións históricas: as que teñen unha duración prolongada, que son mercados basicamente e teñen interese comercial, porque as organizan empresas; e as que duran un día ou día e medio, como é a de Pontevedra. Penso que esa é unha das claves do éxito e aumentala pode ser un risco. Seguramente para a hostelería sería unha panacea, porque suporía varios días de facturación, pero para todos os colectivos que organizan actividades e fan montaxes dende primeira hora da mañá sería imposible de manter e acabaríamos co equilibrio que temos hoxe en día.

E a posibilidade de ampliala a outros espazos da cidade?

Nos primeiros anos tivemos problemas de colapso e conxestión de xente e resolveuse incorporando As Palmeiras e a Alameda. Pero debemos poñer un límite porque se non diluiríase o espírito da festa. O que chama a atención da Feira Franca é que todo o centro histórico se converte nun gran espectáculo, nun conxunto de expresións e sensacións.

Os antitaurinos reclaman celebrar o torneo medieval noutro lugar para rachar co convenio coa Praza de Touros. Sería posible?

Montar unha instalación dese tipo custaría moito máis que o aluguer da Praza de Touros. A iso hai que engadirlle os riscos de montar unha praza portátil, como acabamos de ver na Coruña.

Que lle falta á Feira Franca? Con que se podería enriquecer?

Calquera programación baséase na continuidade e na innovación. Ó longo destes 16 anos sempre se incorporaron pequenas novidades e hai que seguir por esa vía. Tal vez o que se lle pode engadir no futuro é algún ingrediente que dé unha maior presenza do mar na festa, porque naquela época o mar era a clave do éxito comercial de Pontevedra.

Está de acordo coa afirmación de que un dos éxitos da Feira Franca é o civismo dos participantes?

A clave é que falamos dunha festa familiar, comunitaria, cunha compoñente social moi sa. En moitos casos están avós, netos, pais e tíos compartindo mesa, e moitos dos mozos actuais medraron coa festa e son os primeiros que se preocupan de mantela.

Comentarios