Premio a un ‘vestido ambiental’

A investigadora de Belas Artes María Castellanos e o profesor Alberto Valverde gañan o concurso Next Things 2015 e traballarán no deseño dunha prenda que medirá a contaminación

Un vestido capaz de medir diferentes factores ambientais e estudar a incidencia que estes teñen na persoa que o porta. Un deseño coma este acáballes de servir á investigadora da Facultade de Belas Artes María Castellanos e ao profesor do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual Alberto Valverde para gañar o concurso Next Things 2015, o "desafío global de arte y tecnología" que promoven Telefónica I+D e o LABoral Centro de Arte y Creación Industrial de Gijón. Traballarán durante os próximos seis meses no deseño dunha prenda capaz de medir a contaminación despois de que a súa proposta fose a seleccionada polo xurado de entre as 39 chegadas de todo o mundo.

"O que propuxemos é a creación dun vestido intelixente, que mida a agresividade do medio que te rodea", apunta Castellanos respecto dun proxecto que propón unha nova ollada ao mundo dos chamados ‘wearables’ ou prendas intelixentes. A día de hoxe, lembra, "existen ‘wearables’ que miden as túas capacidades biométricas ou o estado do corpo, pero non o estado do medio". E iso é precisamente o que Castellanos e Valverde propoñen no seu proxecto Enviroment Dress, unha prenda que sexa capaz de achegar a quen a porta unha información sobre os niveis de dióxido de carbono, ruído ambiental, contaminación lumínica, humidade ou presión atmosférica.

Unir a creatividade e a visión dos artistas coas posibilidades que implican as novas tecnoloxías é o propósito do certame Next Things, unha iniciativa que Telefónica e LABoral impulsaron neste 2015 por cuarta vez e á que concorreron artistas e investigadores de diferentes países. Un xurado composto polos representantes de Telefónica I+D Pablo Rodríguez e Pere Obrador, o profesor da Universidade Politécnica de Cataluña Ramón Sangüesa, o docente da Universidade de Malmö (Suecia) David Cuartielles e os representantes de LABoral Patricia Villanueva, David Morán e David Puello, decantouse polo proxecto presentado por Valverde e Castellanos polo seu valor artístico e cultural, polo uso das novas tecnoloxías e por ser suceptible do desenvolvemento dun prototipo, como se recolle no fallo feito público nesta xornada.

SEIS MESES. «Para nós é un premio moi importante», recalca Castellanos dunha iniciativa que lle permitirá «visibilizar un proxecto que ata o de agora era teórico». Non en van, a investigación que desenvolve para a súa tese de doutoramento fundamentase precisamente en afondar en «como aumentar as capacidades humanas mediante o uso da tecnoloxía», un campo de traballo que, engade, implica un «proceso moi custoso de investigación e experimentación con materiais». De aí que incida na importancia dunha convocatoria como esta á hora de levar un proxecto deste tipo á práctica.

De feito, o principal premio do Next Things 2015 é a posibilidade de dotarse dos medios económicos e técnicos para desenvolver o proxecto nunha estadía de seis meses. Os dous primeiros en Gijón, onde, como explica Castellanos, disporán da maquinaria precisa para xerar un prototipo da súa idea, e os catro últimos no centro de I+D de Telefónica en Barcelona, «onde desenvolveremos a parte máis de software».

Nesta estadía, proxectan deseñar un traxe «que vai ser estético, visualmente atractivo, pero funcional» e no que a instalación dunha serie de sensores fará posible recoller datos respecto de diferentes parámetros ambientais, que se almacenarán nunha base de datos aberta a calquera persoa interesada, «que poderá coñecer, por exemplo, en que zonas dunha cidade hai maior contaminación». Ademais, o proxecto contempla estudar «como afectan todos eses factores a nosa conduta», a través da observación das persoas coas que realizarán as probas deste vestido, nas que «todos os seus movementos van a estar xeolocalizados» e tendo en conta que os usuarios terán «unha resposta lumínica» da prenda, a través da que poderán coñecer os momentos e os lugares nos que eses factores ambientais alcanzan uns determinados niveis.

Comentarios