La crítica escoge 'A esmorga' como el mejor libro gallego de todos los tiempos

Oito expertos consultados por El Progreso co gallo das Letras Galegas enxalzan a novela de Blanco Amor entre outras seis obras. Rosalía de Castro e Castelao figuran por partida dobre nunha escolma na que predominan os libros de poesía
Escena da versión cinematográfica d'A esmorga' de Ignacio Vilar
photo_camera Escena da versión cinematográfica d'A esmorga' de Ignacio Vilar

A crítica galega considera que a literatura galega é un reino de poesía,pero coroa unha novela. Oito expertos consultados por El Progreso co gallo da celebración este domingo do Día das Letras Galegas seleccionou cada un deles os cinco mellores títulos en galego da historia. Seis coincidiron en sinalar ‘A esmorga’, a novela desacougante de Eduardo Blanco Amor.

O investigador do Centro Ramón Piñeiro Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) defende que «a literatura galega arribou a un novo continente co Cibrán, O Bocas e O Milhomes», en referencia aos tres personaxes que deambulan nunha noite de troula no Ourense dos anos 50. Remarca que «a novela galega do noso tempo se funda, moi principalmente, coa traxedia destes esmorgantes».

O profesor de Ensino Medio e ensaísta Ramón Nicolás asegura que ‘A esmorga’ «inaugura unha nova forma de contar entre nós».

Manuel Rodríguez Alonso (Ribadavia,1952), docente xubilado de Filoloxía Galega da Uned concreta máis que a visión de Galicia desta obra «está na base das mellores novelas galegas de hoxe, do suburbio de Diego Ameixeiras ou mesmo da literatura politicamente incorrecta».

Inmaculada Otero, profesora de ensino secundario e investigadora, garante que ‘A esmorga’ resiste todo tipo de lecturas e gaña significados co tempo». Subliña, ao igual ca Requeixo, «a construción de personaxes», e tamén a estrutura.

«A exactísima descrición de personaxes» foi un dos elementos que animaron a Montse Pena (Sada, 1981) a citar esta novela. A profesora da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo engadiu outros, como «o ritmo que mantén durante todo o desenvolvemento».

María Xesús Nogueira (A Estrada, 1968), profesora na facultude de Humanidades de Lugo e colaboradora de El Progreso, asegura que «o clima hostil e a reducción temporal pechan unha novela realista e profundamente humana que explora identidades, comportamentos, paixóns e prácticas».

ROSALÍA

Se ‘A esmorga’ concitou o maior número de apoios, Rosalía de Castro supera a esa novela en número de votos, con sete. Os seus escrutinios aparecen dividos entre os catro que levou ‘Follas novas’ e os tres de ‘Cantares gallegos’.

Dolores Vilavedra, profesora da USC e experta en narrativa contemporánea, sinala que ‘Follas novas’ «é un dos poemarios fundacionais da literatura galega, un libro universal, que non só resiste o paso do tempo senón que vai abríndose, conforme este pasa, a novas lecturas. A través de rexistros varios, establece un diálogo cos conflitos metafísicos e sociais do seu tempo».

O profesor e especialista en narrativa Xosé Manuel Eyré inclinouse pola poesía no seu canon, que encabeza con ‘Cantares gallegos’. Sobre este poemario sinala que «nos achega á linguaxe e tradición popular e a un mundo que preanuncia o que despois será o existencialismo» de ‘Follas novas.

«Somos porque somos en Rosalía», sentenza Armando Requeixo na súa explicación de incluír ‘Cantares gallegos’ no seu quinteto. Define a obra como «pedra angular a partir da cal se (re)constrúe todo o discurso literario dunha nación».

Ese conxunto de poemas é, para Manuel Rodríguez Alonso, a base sobre a que se desenvolven outros libros canónicos. «En ‘Cantares’ está a rebelión-progresismo de Curros, a revota de Manuel Antonio e a visión épica, aínda que sen idealismos, do pobo galego, sen o elitismo, racismo e machismo de Pondal», expresa.

Celso Emilio Ferreiro publicou ‘Longa noite de pedra’ tres anos despois de que aparecese ‘A esmorga’. Ambos textos comparten o clima de opresión social. Este volume foi escollido por catro dos consultados.

Xosé Manuel Eyré subliña que o poeta de Celanova «muda o escenario da poesía galega e mesmo española».

O título de Celso Emilio, salienta Dolores Vilavedra, é «unha imaxe poderosa -a da pétrea condición dos corenta anos de ditadura- que funciona alén a nosa cultura» e que exhibe «unha musicalidade interna que fixo deste poemario fonte de inspiración para moitos cantautores».

Montse Pena percibe este poemario como singular porque «os versos combativos de Celso Emilio son un referente, un exemplo de como se viviu a ditadura dende a resistencia».

Canon do libro galego El ProgresoVANGARDA

María Xesús Nogueira foi unha dos tres expertos que consideran que ‘De catro a catro’ de Manuel Antonio é un dos cinco libros máis importantes da literatura galega. Nogueira destaca que «é un libro redondo en canto a estrutura no que o autor incorpora á literatura galega algunhas das técnicas das vangardas de comezos do século XX, creando unha interesantísima tensión entre o propio e o universal, a tradición e a modernidade, a rutura e a continuidade do discurso poético galego».

Este poemario é fundamental na literatura do noso país, segundo estima Armando Requeixo. O crítico mindoniense indica que «dende hai décadas ningún poeta en Galicia concibe, proxecta, executa, dialoga o posprocesa a súa escrita sen sentir aboiando no ar a sombra benéfica e exemplar de Manuel Antonio».

MARÍA XESÚS NOGUEIRA: «'M-talá' arrastra ao lector a ensanchar as lindes do texto poético»

O poemario ‘M-talᒠ(2000), de Chus Pato, «supón unha ruptura nas prácticas escriturais da poesía galega contemporánea. Na súa condición de libro-aluvión, amorea materia poética diversa, hibrida rexistros e arrastra a quen o le a un espazo que obriga a ensanchar as lindes do texto poético», afirmou María Xesús Nogueira para defender a súa aposta por este libro. A maiores, apoiou‘ Follas novas’, de Rosalía; ‘De catro a catro’, de Manuel Antonio; ‘A esmorga’, de Blanco Amor, e ‘Herba aquí e acolá’, de Álvaro Cunqueiro. Opina esta crítica que é «un libro de poemas que sintetiza o universo literario do autor e deixa ao descuberto o diálogo cos personaxes e os relatos máis queridos da literatura universal sobre os que sustenta a súa obra».

ARMANDO REQUEIXO: «'Materia de Bretaña' e tradición europea están en Cunqueiro»

O máximo espallador da literatura mindoniense, Armando Requeixo, non podería deixar de citar a Cunqueiro. «A ‘Materia de Bretaña’ e mellor tradición europea conviven nel coa nosa esencia literaria tradicional oral para alcanzar cotas estéticas insuperables», argumenta o crítico.

Requeixo engade que «o xeito máis xenuíno do contar e o sentir de nós están debuxados neste relato de relatos, teatro de vidas que veñen do fondo das Idades e iluminan o presente, a matria dos soños e as xentes que habitan este portento narrativo».

O seu canon literario contemplaba tamén as obras ‘Cantares gallegos’, de Rosalía; ‘De catro a catro’; ‘Sempre en Galiza’, de Castelao, e a ‘A esmorga’.

XOSÉ MANUEL EYRÉ: «Ferrín é o autor máis influínte das novas xeracións dende os 70»

Xosé Manuel Eyré escolleu ‘Con pólvora e magnolias’, de Xosé Luís Méndez Ferrín, para o seu quinteto. O experto de Chantada non ten dúbida de que está ante «o autor que máis inflúe nas novas xeracións a partir dos anos 70». Esa obra, ‘Poesía enteira de Heriberto Bens’, ‘O fin dun canto’ ou ‘Estirpe’ «son poemarios detrás dos cales se atopan abondos títulos actuais, ademais de ser fundamental a súa influencia nunha das poetas cruciais da actualidade: Chus Pato, a súa poesía non se entende sen a mestría de Ferrín».

A achega de Eyré conta tamén con ‘Cantares gallegos’, de Rosalía; ‘De catro a catro’, de Manuel Antonio; ‘Cousas’, de Castelao, e ‘Longa noite de pedra’, de Celso Emilio Ferreiro.

MONTSE PENA PRESAS: «'O único que queda é o amor' aborda o amor nas diferentes formas»

‘O único que queda é o amor’, de Agustín Fernández Paz, é un título que Montse Pena Presas avoga por que non falte entre os mellores da literatura galega. Mesmo defende que haxa títulos de literatura infantil e xuvenil no canon. Alega que fala en concreto desa obra de relatos, premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2007, «polo seu lirismo, pola abordaxe do amor nas súas diferentes formas, polos ecos lovercraftianos tan característicos da obra de Fernández Paz».

‘Follas novas’, de Rosalía de Castro; ‘Cousas’ de Castelao; ‘Longa noite de pedra’, de Celso Emilio Ferreiro, e ‘A esmorga’, de Eduardo Blanco Amor, son as outras catro obras que esta especialista en literatura escolleu para o seu listado de favoritos.

DOLORES VILAVEDRA: «Escollo un conto, 'A lengua das bolboretas', por ser unha xoia»

A profesora universitaria Dolores Vilavedra fixo a proposta máis orixinal ao introducir un conto na súa escolma: o relato ‘A lingua das bolboretas’, que forma parte do volume ‘Que me queres, amor?’, de Manuel Rivas. Vilavedra argumenta que ese relato «é unha combinación perfecta entre épica e lírica, entre continxencia histórica e emocións universais». Na súa opinión «a capacidade desta pequena xoia literaria para mobilizar os sentimentos non foi allea ao desenvolvemento dunha maior sensibilidade social cara ao asunto da problemática xestión da memoria da guerra civil».

A crítica literaria destacou tamén ‘Follas novas’; ‘Cousas’; ‘Longa noite de pedra’, e ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas.

MANUEL RODRÍGUEZ ALONSO: «'Saxo tenor' dramatiza sobre os perdedores da etapa da autonomía»

O teatro soamente foi nomeado na selección de Manuel Rodríguez Alonso, quen citou ‘Saxo tenor’, de Roberto Vidal Bolaño. «A súa actualidade e aproveitamento de elementos cinematográficos é básica, así como a visión da Galicia da autonomía que nos ofrece, moi afastada do considerado politicamente correcto». Ao seu entender, esta peza «é un gran drama sobre os perdedores» desa etapa.

Rodríguez Alonso tamén citou outro libro en solitario, ‘Os libros arden mal’, de Manuel Rivas, porque «ofrece unha visión dunha Galicia urbana e progresista fronte a tanto ruralismo cunqueiriano ou de saudades galaxianas».

Outras escollas deste exprofesor foron ‘Cantares gallegos’, ‘Sempre en Galiza’ e ‘A esmorga’.

RAMÓN NICOLÁS: «'Arraianos' recupera a vida dunhas xentes que foron ignoradas»

Ramón Nicolás apreza ‘Arraianos’, de Xosé Luís Méndez Ferrín, «un dos mellores libros de relatos de todos os tempos». Os seus motivos son «a variedade tipolóxica que exhíben, a forza lingüística na que están redactados ou o que simboliza en canto á recuperación dun espazo particular e da vida dunhas xentes que sempre foron ignoradas».

Os outros títulos do seu canon son ‘Cantares gallegos’, de Rosalía; ‘Sempre en Galiza’, de Castelao; ‘Longa noite de pedra’, de Celso Emilio, e ‘A esmorga’, de Blanco Amor. Ramón Nicolás indica que «habería que contextualizar que se trata de libros aparecidos en diversas épocas e que supoñen en moitos casos elementos de inflexión na evolución da literatura escrita en lingua galega».

INMACULADA OTERO: «'Merlín e familia' é a carnavalización, propia da nosa literatura»

Álvaro Cunqueiro está también representado no listado de Inmaculada Otero. Ela optou polo clásico da narrativa galega ‘Merlín e familia’ porque «representa como ningunha a carnavalización, tan propia da literatura galega, o diálogo coa tradición culta e a popular, a relevancia das formas narrativas breves e a reflexión sobre a propia ficción.

Ramón Otero Pedrayo aparece no canon de Otero con ‘Arredor de si’, pois «supón a expresión galega do xénero da novela de formación do intelectual finisecular. Esa peza ten algo «que se ten en conta para construír os canons: a pescuda sobre a identidade nacional».

A maiores, votou por ‘O corpus da lírica medieval galego-portuguesa’, ‘Follas novas’ e ‘A esmorga’.

Comentarios