Nin perdón, nin olvido

Máis de 130 persoas acudiron á estrea do documental realizado para rememorar a loita de Bértola e Figueirido contra o proxecto da Xunta de instalar unha empacadora
Instantes antes da proxección
photo_camera Instantes antes da proxección

A carpa da Finca Batacos, que a firma Mochi ten en Salcedo, Pontevedra, foi elexida como lugar de encontro para os máis de 130 vilaboeses que onte quixeron acudir á estrea da cinta Empacadora, 20 anos despois da loita, dirixida pola tamén veciña Thais Feijoó, que era unha nena cando todo aconteceu e que, dúas décadas despois, contou coa colaboración de seus pais, e cos testimonios de ducias de veciños para compoñer unha peza sobre aquela parte da historia de Vilaboa.

Cando estas dúas parroquias se uniron para celebrar o décimo aniversario da loita, os actos consistiron nunha exposición gráfica, así como na inauguración dun monolito de pedra que homenaxea á unión veciñal e que leva unhas cruces rescadas por cada un dos concelleiros que, cando corría o ano 1997 apoiaron en Pleno o proxecto da empacotadora de lixo.  As dúas parroquias, en especial a de Bértola, aínda non teñen intención de esquecer ou perdoar aquel agravio.

O filme estreado este sábado pretende facer a mesma función que o monumento de pedra: manter viva a memoria do pobo e da súa unión ante aquela ameaza. Para iso, o documental céntrase nos actos reivindicativos e en como cada veciño achegaba traballo e ideas para a mobilización social que se desenvolveu no municipio, en Pontevedra, en Santiago e mesmo en Bruxelas, pero non faltan declaracións sobre o mal que o pasou a poboación coas cargas policiais, as multas e a represión sofrida aqueles dous anos.

Á cita acudiron o alcalde, Luis Poceiro, e moitos dos políticos que participaron na vida municipal naquela etapa, así como os membros máis activos da plataforma.

Comentarios