A seguinte meta do Pontevedra: remontar

O Pontevedra leva desde decembro de 2015 sen voltear un marcador adverso fóra da casa ►Nos tres partidos que gañou no que vai de liga púxose por diante e non perdeu a vantaxe
Anxo, no Valladolid B-Pontevedra (1-3) de decembro de 2015, a última remonta a domicilio dos granates
photo_camera Anxo, no Valladolid B-Pontevedra (1-3) de decembro de 2015, a última remonta a domicilio dos granates

Primeiro era gañar o primeiro enfrontamento da temporada, despois poñer fin á sangría de goles en contra, posteriormente obter os primeiros tres puntos do curso lonxe de Pasarón e agora conseguir o primeiro triunfo remontando un marcador adverso. Ese é o último reto do Pontevedra neste primeiro tercio de Liga de Segunda División B.

O conxunto granate aínda non foi quen de puntuar en ningún enfrontamento dos que empezou tendo o marcador en contra.

De tal maneira, sempre que lle marcaron gol antes de que o fixera algún dos seus futbolistas, acabou perdendo. Os tres triunfos que obtivo o bloque de Luisito chegaron sempre despois de que se puxese por diante.

Derrotas sen reacción O Celta B, o Rápido, o Cerceda e o Majadahonda impediron reaccións dos granates 

Así foi contra o San Sebastián de los Reyes, contra o Racing de Ferrol e, por último, perante o Real Madrid Castilla hai nove días.

Sen embargo, no canto oposto, o Pontevedra non foi quen de reaccionar de forma proveitosa nos duelos nos que se viu abaixo no electrónico.

No debut, contra o Celta B, recibiu nada máis empezar o partido e, a pesar de ter bos momentos de fútbol, non tivo unha resposta axeitada para levar un punto.

Tampouco puido voltear o marcador contra o Rápido de Bouzas, a pesar da gran cantidade de oportunidades de gol de que dispuxo. Equilibrou o marcador nun momento do envite, pero acabouno perdendo.

En Cerceda repetiuse a película. O cadro coruñés acertou na única ocasión da que dispuxo e a pesar de intentalo no treito final do duelo e ter unha boa ocasión dobre, o PCF retornou a casa con cero puntos.

O último enfrontamento dos xogadores da cidade do Lérez volveu poñer de manifesto a dificultade que supón darlle a volta a un tanteador desfavorable.

Catro precedentes Na liga pasada, o Pontevedra gañou catro duelos que empezou perdendo

Foi o que sucedeu durante o envite da pasada fin de semana contra o Rayo Majadahonda. O equipo do Norte de Madrid adiantouse cedo e, malia as oportunidades que xerou o Pontevedra, o duelo finalizou con triunfo local por 2-0.

O único duelo do campionato no que se produciron varios cambios de marcador foi o que mediu ao PCF e o Toledo na cuarta xornada ligueira. Daquela, os granates puxéronse por diante, os manchegos déronlle a volta ao resultado e puxéronse 1-2. O Pontevedra volveu marcar dous goles para ter un 3-2 favorable e os visitantes acabaron igualando 3-3 no último minuto.

PRECEDENTES. A última vez que o Pontevedra foi quen de gañar un duelo no que empezou por debaixo no resultado foi no curso pasado, na trixesimoprimeira xornada do curso, contra o Tudelano e en Pasarón.

Na liga 2016-17 foi unha situación habitual que o PCF fose quen de sacar resultados positivos de envites nos que o adversario inaugurara o marcador. De feito, o bloque de Luisito gañou catro duelos nos que comezou por debaixo no resultado (fronte ao propio cadro navarro, o Burgos, o Somozas e o Osasuna B).

Ademais, conseguiu empatar varios envites nos que estivo por debaixo no resultado, como contra o Guijuelo, o Coruxo ou o Boiro a domicilio.

Para atopar a última ocasión na que o Pontevedra se fixo cos tres puntos lonxe do seu estadio despois de que lle fixesen o 1-0 hai que remontarse ao outono de 2015, no enfrontamento contra o Valladolid B (décimo sétima tirada daquel curso).

Daquela os pucelanos marcaran o 1-0, pero viron como o Pontevedra reaccionou rapidamente. Aquel duelo foi a antesala ao triunfo contra a Cultural Leonesa en Pasarón, envite no que os discípulos de Luisito tamén remontaron un 0-1 para gañar e alcanzar os postos de promoción de ascenso por primeira vez desde 2010.

Comentarios