Das fotografías de estudo aos 'selfies' de 'morritos' das adolescentes

Unha mostra da decana de Belas Artes repasa a iconografía da pose fotográfica ao longo da historia en todo o mundo
Silvia García, con algunhas das imaxes
photo_camera Silvia García, con algunhas das imaxes

Unhas 50 fotografías de álbums familiares recopiladas pola decana de Belas Artes, Silvia García, compoñen a mostra Relecturas da feminidade. Rastro Material, que repasa a iconografía propia da fotografía. Trátase de imaxes orixinais adquiridas en rastros pola propia García.

"Interésame que se vexa a fotografía-obxecto, lonxe do limbo dixital que supón o disco duro", explica. Deste xeito, nos orixinais queda o rastro de como foron gardadas e utilizadas. "Incluso aparecen rastros de enfados ao aparecer rotas ou danadas a própósito nalgún punto concreto", conta.

A idea inicial da exposición é buscar elementos comúns na pose fotográfica das mulleres ante as cámaras ao longo da historia e en diferentes lugares do mundo. Esas posturas estaban condicionadas polas estrelas do cine e as fotos de moda, "ao igual que na actualidade as adolescentes poñen morritos no baño para as súas fotos".

A conclusión de García é que, coa difusión do aparello fotográfico polo mundo, difundiuse tamén a maneira de posar para as instantáneas. "As fotografías de estudo de todo o mundo son comúns: teñen unha mesiña e unha cadeira", conta. No caso desta mostra, recolle fotografías tomadas entre os anos 1920 e 1950.

Aínda que a forma de actuar ante a cámara é semellante en todas as imaxes, a autora da mostra recoñece que en fotografías norteamericanas apréciase maior naturalidade. "En Europa, cando a familia posa, é moi consciente de que a fotografía é algo que vai quedar e non se poden facer bromas ou guiños ao fotógrafo, a diferenza do que ocorre en Norteamérica coa popularización da fotografía", conta.

Esta exposición conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade e exhibirase nas bibliotecas dos tres campus.

Comentarios