O Tesouro de Caldas, do Museo de Pontevedra ao Arqueológico Nacional

As pezas formarán parte da mostra do 150º aniversario do centro madrileño
Pezas do Tesouro de Caldas
photo_camera Pezas do Tesouro de Caldas

As nove pezas máis significativas do Tesouro de Caldas, un conxunto de alfaias de ouro da Idade de Bronce que se conserva no Museo de Pontevedra, poderán verse na exposición coa que o Museo Arqueológico Nacional festexa o seu 150º aniversario. Así o deu a coñecer, este mércores, a Deputación Provincial a través dunha nota de prensa. "Esta mañá partían da área de seguridade do Sexto Edificio as pezas do Tesouro de Caldas que formarán parte da grande exposición conmemorativa do 150 aniversario do Museo Arqueológico Nacional", indicaba, ao tempo que recollía as palabras do director do Museo, Carlos Valle. "Trátase dunha exposición excepcional, que reúne os conxuntos estelares da arqueoloxía", di. "O Tesouro de Caldas é un dos grandes conxuntos de ourivería prehistórica de todo o oeste europeo".

Do denominado Tesouro de Caldas, que foi descuberto en 1940 nas Silgadas, consérvase un peite, tres vasos, 28 argolas-lingote macizas, tres lingotes-barra e seis anacos dunha lámina de tiras, todo o cal superaba en orixe os 25 quilos de peso (dos que se conservan 14,9), explica a Deputación.

Ao Arqueológico Nacional envíanse as nove pezas máis significativas do conxunto, seleccionadas entre o arqueólogo do Museo, Antonio de la Peña, e o comisario da exposición, Gonzalo Ruiz Zapatero. "As nove pezas seleccionadas, todas de ouro, son dúas cuncas, unha xerra, catro aros, unha espiral e o peite", indica a Deputación.

DENDE O 3 DE OUTUBRO. A exposición coa que o museo madrileño celebra o seu aniversario leva por título El poder del pasado e permanecerá aberta entre o 3 de outubro de 2017 e o 1 de abril de 2018. Segundo indica a propia institución e recolle a Deputación, con esta mostra preténdese sacar á luz o proceso de construción da arqueoloxía estatal, a través de 150 obxectos ou conxuntos, procedentes de 68 institucións colaboradoras e considerados verdadeiras iconas do pasado. "A proposta expositiva busca plasmar unha visión xeral, actualizada e crítica da construción do pasado desde a arqueoloxía", explica a Deputación. "Os responsables da mostra indican, ademais, que o comezo da vida do Museo Arqueológico Nacional, en 1867, así como dos museos arqueolóxicos no territorio do Estado, marcou un momento transcendental no espertar da conciencia pública sobre a importancia do pasado a finais do século XIX e comezos do XX".

Segundo se indica na páxina web do museo madrileño (www.man.es), ademais do Tesouro de Caldas, na mostra El poder del pasado poderán verse o Efebo de Antequera, a Lauda de Sancho III de Navarra, o Tesouro de Ampurias, o Idolo de Tara e a Coroa de Sancho IV, entre outras pezas clave da historia arqueolóxica española.

Comentarios