O Teatro acolle hoxe a estrea de 'Peter Brandon', do pontevedrés Óscar Cruz

O Teatro Principal acolle este xoves a estrea da serie 'Peter Brandon', escrita polo pontevedrés Óscar Cruz
Óscar Cruz, María Costas y Xosé Manuel Esperante
photo_camera Óscar Cruz, María Costas y Xosé Manuel Esperante

"A cousa está en saber que ten Peter Brandon de Pedro Brandariz ou que ten Pedro Brandariz de Peter Brandon?", preguntábase o mércores, na presentación da serie Peter Brandon, o seu guionista, o pontevedrés Óscar Cruz. Membro do colectivo Porco Bravú (El método sueco), Cruz é un dos responsables deste proxecto audiovisual que xoga a mesturar realidade e ficción no que pretende ser un retrato biográfico do cómico Pedro Brandariz. Este xoves estréase no Teatro Principal de Pontevedra (20.30 horas, entrada libre).

A medio camiño entre a parodia e a traxicomedia, Peter Brandon, que recibiu o premio ao mellor proxecto audiovisual no festival Carballo Interplay, propón unha reflexión sobre o que agocha unha vida adicada á comedia ao tempo que lanza dardos envelenados sobre o sistema audiovisual galego, entre outras cousas.

"No segundo capítulo aparecen xa os Premios Mestre Mateo. A xente vai recoñecer inmediatamente de que estamos a falar", contou Cruz. "Tamén nos apetecía moito probar a facer unha sitcom en Galicia. Fóra de Luci non hai moitos exemplos actualmente".

COLABORACIÓNS. Xosé Touriñán ou David Amor son algúns dos personaxes que se interpretan a si mesmos en Peter Brandon, da que se realizaron polo momento tres capítulos, os que se poderán ver este xoves no Teatro Principal. O terceiro deles, por certo, gravado en Pontevedra.

Outros actores que participan na serie son María Costas e Xosé Manuel Esperante. Este último, que interpreta "ao mellor amigo de Peter Brandon, un ser dun optimismo enfermizo", reivindicou este mércores máis posibilidades de exhibición destes traballos na televisión pública galega. "A segunda canle da TVG sería un contedor perfecto para estes produtos máis arriscados ou feitos por xente máis nova".

Comentarios