José María Fonseca: "O viño non está de moda; antes bebíase máis"

Economista, intelectual, músico e dono de Terras Gauda, unha das adegas máis importantes de Galicia. Un home polifacético por definición
José María Fonseca Moretón (Ourense, 1950)
photo_camera José María Fonseca Moretón (Ourense, 1950)

Como vai a vendima este ano?

Veu algo anticipada pero apunta moi ben. Estamos na primeira semana e a uva está entrando sanísima, moi equilibrada en acidez e de azúcar, polo que creo que teremos un viño moi bo este ano.

Está de moda o viño?

O viño leva de moda 2.000 anos (ri). Cre que a xente entende tanto como parece ou hai certo postureo? As dúas cousas son verdade. Hai entendidos pero tamén un compoñente de postureo, algo que se estende a outras cousas que entran polos sentidos, como a arte. Préstanse porque permiten expresar sensacións con palabras técnicas e iso sempre chama.

Quen si é un recoñecido experto en viño é o rei emérito Juan Carlos. E dixo que Terras Gauda é un dos seus caldos preferidos. Éncheo iso de orgullo?

De orgullo e satisfacción (ri). Coa letra pequena podo dicir que el foi un dos maiores embaixadores de Terras Gauda e axudounos moito a consolidar o mercado en Baleares, onde temos moitísimo público. Persoalmente mandoume alabanzas para Terras Gauda.

"Ao rei Juan Carlos gústalle Terras Gauda e fixo de embaixador do noso viño en Baleares, onde agora vendemos moito"

Que levou a un funcionario do Inem con soldo fixo coma vostede a aventurarse no mundo do viño?

A pregunta fíxenma eu moitas veces, sobre todo nos comezos, que non foron doados. Moitas veces pensei por que me metería eu nisto, pero se volvese atrás repetiría o mesmo. En canto ao meu posto de funcionario, pedín unha excedencia. Xubileime hai non moito.

Como cambiaron os tempos no ámbito do viño?

Antes en España bebíase moito máis viño que o que se bebe agora. Hai non máis de 50 anos bebíanse 72 litros por habitante cada ano, hoxe andamos nos 20.

Que influíu neste descenso?

Dígoo con crudeza: o papanatismo. España é o país con máis extensión de viñedo do mundo, cunha enorme riqueza vitícola e con caldos recoñecidos en todo o planeta como os de Xerez. O baixo consumo de viño coincide cos maiores consumos de destilados, que non teñen nada que ver cos fermentados desde o punto de vista da saúde, e os poderes públicos permanecen totalmente insensibles ante esta situación. Pero estas viaxes sempre son de ida e volta.

É vostede un home polifacético: economista, empresario, intelectual... Como se definiría?

Non vou definirme a min mesmo como intelectual. Empresario son e economista tamén porque acabei a carreira. Pero seguramente son máis saxofonista que economista (ri).

É certo! Tamén é músico. Mesmo formou parte do grupo folk A Roda.

En A Roda estiven catro ou cinco anos e gravei algunhas actuacións en televisión pero ningún disco. En cambio si aparezo no primeiro que gravou a tuna de Santiago. Toco, amais do saxo, a gaita e a guitarra.

"No grupo A Roda estiven catro ou cinco anos e gravei algunhas actuacións en televisión pero ningún disco"

E como se compatibilizan tantas actividades?

Hai que rir moito.

É vostede amante da música tradicional galega. Como ve o panorama actual?

Eu creo que está mellor que nunca. Cando eu era mozo pensabamos que as gaitas e as bandas de música desaparecerían, pero tiveron relevo e foron a mellor. A música folk conectou con outras músicas celtas e iso alimentouna. Galicia nunca estivo tan ben, non só na música. E o que diga o contrario é que non coñeceu o pasado.

Ten sona de ser apegado á terra.

Como non o vou estar! Nacín en Ourense, estudiei en Santiago, teño a adega no Rosal e os meus fillos naceron en Vigo.

Tamén din de vostede que é un gran conversador. Impresionouno algún intelectual?

Moitos. Pero se teño que nomear algún direi Carlos Casares. Ademais de que estamos no ano no que se lle adicou o Día das Letras Galegas, era íntimo amigo meu Con Carlos tiña unhas tertulias marabillosas que se alargaban ata o amencer. Na miña vida vin un conversador coma el.

Maridan viño e literatura?

Levan toda a vida maridando!

"O minfundismo é un mal endémico do país pero que vén determinado en parte pola dispersión da poboación"

Viste sempre paxariña. É para diferenciarse da xente clónica?

Gústame máis que a gravata. É verdade que as formas hai que coidalas pero parece que todas as cabezas pensantes van en uniforme de colexio con traxes iguais.

Pasa o futuro do viño por abrirse a novos mercados?

Sen dúbida. Estamos nun mundo global e non podemos nin debemos escapar del.

Teño entendido que diversificou o seu negocio con outras empresas mesmo fóra de Galicia.

Si. Hai que estar vivos e poñer máis pés ao banco. Esto levounos no seu día a entrar en Pittacum e Quinta Sardonia, dúas adegas de tintos de Castela e León. O día que estés quieto a empresa morre.

¿Condiciona o minifundismo a produción de viño en Galicia?

Si, completamente. É un mal endémico do país pero que vén determinado en parte pola dispersión da poboación.

Seguimos os galegos a ter unha mentalidade minifundista?

Desgraciadamente, si. Aínda que pouco a pouco se vai superando.

Cal é a receta do seu éxito?

Fundei Terras Gauda en 1989, nun momento moi importante para o mercado do viño. Acertamos coas cousas que fixemos no seu día, porque creo que lle demos a dimensión axeitada e reunimos as vontades necesarias para que as cousas saíran. Tamén tivemos unha chisca de sorte e, sobre todo, traballo, traballo e traballo.

¿Ve continuidade na súa familia en Terras Gauda?

Si, e dáme moita satisfacción, porque vexo que os meus fillos son serios, sólidos e traballadores e teñen unha relación espléndida co resto do equipo da adega.

Comentarios