Os peiraos autonómicos de Pontevedra recibiron 1.000 barcos no mes de xullo

O segundo porto da provincia que máis embarcacións recibiu foi o de Nauta Sanxenxo
Porto deportivo de Sanxenxo
photo_camera Porto deportivo de Sanxenxo

Segundo os datos facilitados polos xestores das instalacións naútico-recreativas de Galicia, os portos de titularidade autonómica da provincia de Pontevedra recibiron máis de 1.000 barcos en tránsito durante o pasado mes de xullo.

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, afirmou na mañá do luns, nas oficinas portuarias de Pontevedra, que o que máis embarcacións recibiu foi o porto deportivo de Baiona, con 235 tránsitos, seguido do de Nauta Sanxenxo, con 167 tránsitos, o que amosa un incremento respecto do ano pasado.

Pola súa parte, o porto de Combarro foi o terceiro con máis embarcacións en tránsito, con 156. O porto de Portonovo recibiu 150 barcos, o Monte Real Club de Iates de Baiona 127, Pedras Negras, no Grove, 91 e Moaña 88, respectivamente.

Deste xeito, a provincia de Pontevedra consolídase como punto atractivo para a actividade portuaria non só a nivel autonómica, senón tamén a nivel nacional. Cabe destacar tamén que o conxunto de peiraos autonómicos de Galicia superaron no mes de xullo os 2.800 tránsitos, incrementándose así a cifra un 18% con respecto ao ano pasado.

IMPACTO ECONÓMICO. Ante este crecemento, a Consellería do Mar mostrou a súa satisfacción pola consolidación dunha actividade de importante impacto económico, non só no sector portuario e naútico de Galicia, senón tamén no conxunto das vilas que acollen instalacións náutico-recreativas.

Esta captación de novos tránsitos débese a unha liña de traballo estrutural, como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020. Actualmente tamén se están a desenvolver accións promocionais a nivel nacional e internacional dos portos deportivos de Galicia.

Comentarios