Unha exposición con obxectos do cine Victoria inaugura Ponte Coqueta

A homenaxe á sétima arte continuará o día 25 de agosto coas proxeccións de 'Miss Ledya' e 'Nuestras fiestas de allá' con música en directo
Marcelo Dobode, Cris Lores e Carme Fouces, presentando Ponte Coqueta na Casa da Luz
photo_camera Marcelo Dobode, Cris Lores e Carme Fouces, presentando Ponte Coqueta na Casa da Luz

Proxectores, entradas, carteis e cámaras compoñen unha pequena exposición adicada á historia do cine en Pontevedra, que se pode visitar dende este luns na Casa da Luz. A apertura da mostra ao público serviu para inaugurar a segunda edición de Ponte Coqueta, unha festa vintage que comezou a celebrarse o ano pasado na cidade e que en 2017 ampliou a súa programación.

Colaboración "Nesta cidade temos un dos cineclubs máis antigos de Europa. Nós estamos aquí para aproveitar todo o potencial de Pontevedra" 

"Este proxecto medrou moitísimo dun ano para outro", explicaba este luns o coordinador de Ponte Coqueta, o músico e activista cultural Marcelo Dobode. "Pero é que temos nesta cidade un dos cineclubs máis antigos de Europa e nós estamos aquí para aproveitar todo o potencial de Pontevedra e para dalo a coñecer". De aquí saíu a idea de que o cineclub da cidade colaborase nesta edición da festa vintage. Faino cunha exposición, "chea de pequenas xoias", e cunha serie de proxeccións.

Cris Lores, do cineclub Pontevedra, encargouse o luns de falar dalgúns dos obxectos que se reuniron na mostra, que se poderá visitar toda a semana na Casa da Luz. Trátase dunha exposición "moi apegada a Pontevedra" composta por materiais de dúas coleccións particulares: a súa propia e a do que foi o primeiro proxeccionista do cineclub, Juan Torres. En boa medida son pezas que se conservan do que foi un dos cines emblemáticos de Pontevedra, o Victoria (1943-2002). "Cando se desmantelou, pedimos permiso para quedar con cousas que se ían acabar destruíndo ou tirando e os propietarios deixáronnos collelas. Por iso se conservan", contou Lores.

Contidos A mostra acolle dende un proxector de 1921 ata voltímetros, amperímetros e a bobinadora orixinal do cine Victoria

PROHIBIDO ESCUPIR. Entre outras cousas, na Casa da Luz pódense ver libros, fotos e a reprodución dun zootropo, un aparello que crea a ilusión de movemento das imaxes e que se considera precedente do cinematógrafo. Tamén se poden contemplar de preto unha máquina de 1921 que proxectou películas en Pontevedra; carteis do cine Victoria nos que se pode ler Tocador de señoras ou Se prohíbe escupir; pezas que se colocaban no proxector para avisos de todo tipo, "que podían ser dende Alfonso Pérez ten o coche mal aparcado ata Manolo chámante por teléfono"; unha empalmadora, un amperímetro, un voltímetro e unha bobinadora orixinal do cine Victoria; unha cámara dos anos 50, "das que se usaban nas guerras"; entradas antigas... "E aínda traeremos unha máquina dos anos 40 que tamén traballou en Pontevedra".

O resultado da mostra é un minipercorrido pola historia do cine na cidade, "unha historia que comezou coa chegada do proxector Lumière ao Teatro Principal en 1896 para poñer El regador regado", lembraba Cris Lores, que contou que o venres 25 de agosto (22.30 horas) se proxectarán, na Praza da Pedreira, co acompañamento en vivo da Banda Artística de Arcade, as películas Miss Ledya e Nuestras fiestas de allá, de José Gil.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, destacou, pola súa banda, que Ponte Coqueta alongase a sensación de festas de verán na cidade. "Pontevedra convida á xente a ver que hai aquí esta semana e que hai a semana que vén. Todo grazas a esta xente tan creativa coa que é un luxo traballar".

Comentarios