A tradición da malla do cereal pervive na parroquia lalinense de Doade

Os veciños e veciñas vestíronse de época e representaron unha das tradicións do rural galego do século XIX
A parroquia de Doade volve ano tras ano ao século XIX para revivir a tradición da malla, á pedra, con males e con aventadora
photo_camera A parroquia de Doade volve ano tras ano ao século XIX para revivir a tradición da malla, á pedra, con males e con aventadora

Se algo fai envexable a Galicia é a forma de ser da súa xente, que á súa vez vén marcada pola súa historia e polas súas tradicións, que fan deste territorio un lugar único no mundo. Pero as tradicións hai que mantelas, e iso non é doado. Xa poucas persoas quedan daquelas que cociñaban en fornos de pedra e que ían lavar a roupa ao río, e as novas xeracións, se non é de lavadoras ou microondas, non entenden. Sen embargo, aínda quedan lugares que ano tras ano traballan arreo para manter vivos uns costumes que marcaron a historia de Galicia e á súa xente. Así, a parroquia lalinense de Doade reviviu este sábado as mallas que se celebraban neste concello pontevedrés a finais do século XIX e principios do XX.

Aínda non eran as once da mañá cando decenas de persoas, vestidas de época e co seu gorro de palla, desfilaron cara ao campo no entorno da Casa do Patrón para asistir á XVIII edición da Festa da Malla. Baixo un sol abrasador, os asistentes coñeceron de primeira man o funcionamento dos motores de mallar, aventadoras e maquinaria antiga, que Maximino Míguez, de Maxideza, se encargou de explicar. O xornalista Gumer Portas, pola súa banda, contribuíu a ambientar a xornada.


Tras o carrexo de mollos e máquinas con xugada de vacas do país, os homes empezaron a mallar o cereal con males


Os protagonistas da malla de Doade puxéronse mans á obra despois do carrexo de mollos e máquinas con xugada de vacas do país. Así, os homes, catro a cada lado, colocaron os mollos en fila e, con ritmo e forza, empezaron a mallar nel con males, dous paus unidos por un coiro que lles permitía facer un movemento circular. As féminas, ao carón, animaban aos traballadores con gritos e aplausos. Tras un breve descanso, que as mulleres aproveitaban para darlle a volta aos mollos, continuaron mallando entre po e suor.

Antigamente as mulleres 'cañaban' coas cañadeiras (unha especie de vasoiras con follas de vidueiro) os caños e o cereal. Despois, varrian con vasoiras de xesta e colocábanse os grans nos cribos para alzar o gran e que volvese a caer no chan mentres se apartaban os restos de palla.

Representaron tamén a malla á pedra, a maneira máis antiga de mallar, que consistía en bater os mollos contra as pedras.

Máis tarde, nos anos 20, os campesiños xa traballaban coas aventadoras, máquinas a gasoil unidas aos tambores das máquina de mallar, que onte os homes utilizaron para meter os mollos desatados pola parte superior. A palla saíu por un lado e o gran por outro. Por último, os asistentes puideron ver a malla con tractor e malladeira.

Tras esta dura xornada, os lalinenses gozaron dun xantar e de actuacións de grupos folclóricos. Por outra banda, Iván Vázquez Varela e Isabel Taboada Jorge foron premiados polas súas vestimentas de época.

Á entrada do campo, nun poste, un cartel poñía o seguinte: "Véndese malladora". E é que algúns non se resignan a deixar atrás o pasado.

Comentarios