A poética que queda oculta do deporte de elite

Mesturar dúas realidades que semellan estar afastadas é o obxectivo do proxecto 'Poesía e deporte', promovido pola Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra. A iniciativa favorecerá o diálogo entre escritores e deportistas do talle de Javier Gómez Noya, Isaac Xubín, Óscar Graña ou Rosalía Fernández
De esquerda a dereita, Isaac Xubín, Lara Rozados, Anxos Riveiro, Óscar Graña, Víctor Riobó e Malvares de Moscoso
photo_camera De esquerda a dereita, Isaac Xubín, Lara Rozados, Anxos Riveiro, Óscar Graña, Víctor Riobó e Malvares de Moscoso

"Mentres tanto celebro a existencia / dos corpos que medran", escribe a poeta poiense Tamara Andrés. E é que a materia e a corporeidade son dúas temáticas ás que se recorre con asiduidade na poesía.

Seguindo esta idea base e entendendo a actividade deportiva como unha manifestación cultural, o Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Cultura, puxo en abril en marcha o proxecto 'Poesía e deporte', cuxa principal pretensión é achegar estes dous campos historicamente afastados e obter contidos para levar a cabo unha publicación especializada na relación entre estes dous eidos.

Míriam Ferradáns, poeta: "Coa reflexión entendín que deporte e poesía comparten moitas cousas. En ambas hai moito de autocontrol"



Para conseguir conxugar estes dous mundos que poden semellar inconexos a priori, o que fixo o Concello foi crear un grupo conformado por literatos e deportistas de elite para que se establezan así un diálogo e unha vía de creación baseada nos valores de sacrificio, constancia e esforzo que pertencen ós dous colectivos.

Deste xeito, no equipo hai profesionais de diversas modalidades deportivas, como Óscar Graña (piragüismo), Saleta Castro (triatlón), Víctor Riobó (atletismo), Lourdes Domínguez (tenis), Javier Gómez Noya (triatlón) e o Teucro (balonmán). Isto non fai senón aumentar a pluralidade e a riqueza. Non obstante, todos eles son figuras destacadas dentro das súas respectivas especialidades.

Pola súa banda, os poetas, na súa maioría, aínda que xa consagrados dentro do panorama cultural galego, son bastante mozos. Entre eles están Isaac Xubín, Lara Rozados, Malvares de Moscoso, Rosalía Fernández, Míriam Ferradáns e Tamara Andrés.

Ó comezo, a iniciativa tivo un marcado carácter local, mais agora hai creadores doutros lugares da xeografía galega, como Carballo ou Vigo. Como explica a concelleira de Deporte do Concello de Pontevedra, Anxos Riveiro: "Non nos fechamos a nada, polo que cando hai novos poetas interesados abrímoslles a porta para que poidan participar".

Sobre os comezos da iniciativa, a concelleira subliña: "Isto surxiu ó ver o que se movía na cidade. Por unha parte había un colectivo formadísimo de novos poetas e, pola outra, un nivel deportivo enorme, con figuras de gran relevancia a nivel internacional". Ademais, engade: "Isto é unha especie de loucura".

Como colofón, levarase a cabo unha publicación cos escritos derivados deste proxecto. Aínda así, polo momento haberá que esperar, posto que "para darlle unha forma e un contido a todo, hai que ver por onde discorre".

A DINÁMICA. A interacción entre os dous grupos que forman parte de 'Poesía e deporte' lévase a cabo en reunións informais nas que os escritores poden contemplar de primeira man como son os adestramentos dos deportistas de alto nivel.

Así, trátase de que os primeiros se enchoupen coas experiencias, coñecementos, anécdotas e rutinas dos segundos para obter un pulo creativo e compoñer escritos que reflictan todo o que rodea á práctica das diversas modalidades e que ás veces pasa desapercibido.

Óscar Graña, deportista: Los poetas nos acompañaron durante el entrenamiento y nos preguntaron sobre nuestra rutina"

Polo momento, tiveron lugar dúas reunións e unha primeira toma de contacto. Os protagonistas delas foron o atleta Víctor Riobó e o piragüista Óscar Graña. Este último conta como foi a xornada: "Ellos (los poetas) nos acompañaron durante el entrenamiento en el agua desde la lancha motora y después nos estuvieron preguntando cosas sobre nuestra rutina y los factores que nos influyen".

Deste modo, os creadores aprenderon sobre as correntes do río Lérez, a estabilidade necesaria para non caer á auga, a coordinación que debe existir nunha embarcación de equipo e as estratexias de regata, decisivas á hora de competir en campionatos de talle mundial.

Tamara Andrés reconoce que "eu non coñecía moito sobre deporte, pero coas reunións que tivemos aprendín moito".

Porén, os poetas teñen certa liberdade en canto ós prazos e á hora de acudir ás citas, posto que, como explica Anxos Riveiro, "non hai presión". Con todo, ás veces é difícil coordinalos, xa que todos, deportistas e escritores, deben compatibilizar este proxecto coas súas vidas profesionais e laborais. O atleta Víctor Riobó apunta: "El que puede va viniendo".

Un dos motivos que levou ós participantes a formar parte do proxecto foi a innovación. "A min chamoume moito a atención porque era algo moi estraño", conta a poeta bueuesa Míriam Ferradáns, que agrega: "Coa reflexión entendín que o deporte e a poesía comparten moitas cousas. En ambas hai moito de autocontrol. Ademais, a xente ten unha imaxe moi bucólica da poesía, derivada do romanticismo. Pensan que todo se basea na inspiración, pero, igual que no deporte de elite, hai moito traballo detrás".

Comentarios