A Deputación crea un plan de protección para evitar perigos en Príncipe Felipe

Pretende previr e controlar riscos sobre os usuarios e bens do centro en casos de emerxencia
Vista aérea da Cidade Infantil Príncipe Felipe
photo_camera Vista aérea da Cidade Infantil Príncipe Felipe

A Deputación está a traballar na elaboración dun novo Plan de Autoprotección para Príncipe Felipe co fin de previr e controlar os riscos que poida haber sobre os usuarios (tanto menores como traballadores) e os bens do centro en situacións de emerxencia. Segundo indicou a deputada Eva Vilaverde, este documento é obrigatorio para calquera establecemento de uso residencial público, pero "os anteriores gobernos provinciais nunca o chegaron a aplicar".

Neste novo documento definirase cal é a estrutura de actuación ante unha emerxencia (incendios, catástrofes naturais...) e definiranse as accións que se deben planificar cando se desencadene.

A medida conta cun orzamento de 33.000 euros e, pese a ser obrigatoria, nunca se fixera efectiva ata o de agora


Segundo os cálculos da Dirección de Príncipe Felipe, o plan afectará a unhas 1.340 persoas que pertencen aos centros de acollemento, á escola infantil, ao CEIP, ao Carlos Oroza, ao instituto Montecelo e ao centro de Educación Especial. "Os técnicos propuxeron a suplementación de 33.000 euros no Orzamento deste ano para esta iniciativa, que aumentará a seguridade, e déuselle para adiante de inmediato porque é preciso cumplir con todas as esixencias legais", subliñou Vilaverde.

O Plan, que será redactado por unha asistencia técnica, está en fase de contratación. Presentáronse á licitación nove empresas e os servizos técnicos da Deputación están a avaliar as ofertas para realizar a adxudicación, que con toda probabilidade se pechará en outono. Unha vez elaborado, nun prazo de catro meses, deberá presentarse na Consellería de Presidencia, polo que, se se cumpren as previsións, poderá estar operativo a principios de 2018.

A aplicación do Plan realizarase cos recursos cos que conta Príncipe Felipe. Serán os responsables dos centros os que se encargarán da súa implantación, divulgación e tamén da organización de simulacros, así como da decisión de accións en caso de emerxencia, como podería ser a evacuación de edificios en caso dun incendio. Vilaverde explicou que a necesidade de redactarlo non vén única e específicamente da existencia de menores con condutas disruptivas, aínda que recoñeceu que o feito de existir perfís deste tipo na actualidade incrementa as posibilidades de que poidan ocorrer situacións de emerxencia.

Hai que lembrar que nestes momentos existe un principio de acordo entre a Xunta e a Deputación para eliminar a derivación de menores conflitivos que xeran situación de violencia nos centros de acollemento provinciais.

Comentarios