Cortes de tráfico polas obras de asfaltado nas rúas Rouco e Pai Amoedo

As pavimentacións faranse entre a xornada deste martes e o mércores

O Concello de Pontevedra iniciou as obras de asfaltado nas rúas Rouco e Pai Amoedo. As pavimentacións faranse entre a xornada deste martes e o mércores. O mal estado de conservación de ambas vías obrigará tamén a acometer o fresado das mesmas. A pavimentación parcial do firme para evitar desniveis realizarase de xeito urxente.

Como é previsible ao tratarse de rúas do centro da cidade, as obras nas mesmas producirá lixeiros cambios na circulación do tráfico. Así, a Policía Local elaborou un plan específico de tráfico para ambos os dous días, dando alternativas aos condutores e ao servizo de carga e descarga para garantir niveis aceptables de mobilidade. Do mesmo xeito, os residentes nas ditas rúas terán garantido o acceso aos seus garaxes.

PLAN DE TRÁFICO. O plan de tráfico contempla o peche das vías nas que se realizarán as obras entre as 9.15 e as 13.30 horas, pola mañá, e entre as 15.00 e as 19.30 horas, pola tarde.

Do mesmo xeito, na rúa Rouco prohibiuse o estacionamento desde as 8.00 horas deste martes. Ademais, restrinxirase o acceso á Praza de Barcelos, permitíndose só a entrada ao aparcadoiro público da praza, aos garaxes e á carga e descarga. Na rúa Pai Amoedo, procederase ao desvío da circulación de Cobián Roffignac pola rúa Santa Clara, polo que se invertirá o sentido da circulación nesta última.

Comentarios