PERFIL DE LLERENA PEROZO

Bueu entrega o Johán Carballeira nun día dedicado ao machismo nos medios de comunicación

O premio de xornalismo entregarase o domingo pola mañá e o de poesía pola tarde ► A editora Llerena Perozo estará á fronte da charla

A concellaría de normalización lingüística de Bueu, dirixida por Silvia Carballo, organiza unha charla sobre a muller e o seu tratamento nos medios de comunicación. Coincidindo coa entrega do XII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, a editora e feminista Llerena Perozo debaterá este domingo, ás 12.00 horas, sobre o tratamento machista que moitas veces se dá nos medios de comunicación e que inflúen negativamente na imaxe outorgada ás mulleres.

A idea nace como unha iniciativa pioneira que pretende dar a coñecer o mundo do xornalismo desde unha perspectiva de muller, coincidindo co feito de que este ano as gañadoras do XIV Premio Johán Carballeira na categoría de xornalismo sexan dúas mulleres, María Obelleiro e Montse Dopico.

O acto, que se insire na programación das Letras Galegas, celebrarase na Sala Domínguez Búa, onde tamén se preparará unha exposición con recortes de prensa arredor do tema en cuestión, e fomentarase o coloquio co público asistente. O xermolo destas charlas sobre xornalismo naceu o pasado ano, cando diversos profesionais debateron arredor do papel do xornalismo en galego, co obxectivo de darlle maior difusión ao acto de entrega do certame de xornalismo que se organiza dende o 2002 na vila bueuesa.

POESÍA. Pola súa banda, o acto de entrega do XX Premio Johán Carballeira de Poesía será ese mesmo día pola tarde, ás 19.00 horas no marco dun recital poético organizado polo Concello coa colaboración da Asociación Ricardo Gómez Buceta. No acto entregaráselle o premio a María Reimóndez, gañadora desta edición co poemario Galicia en bus. Ademais, estarán presentes os poetas Dani Costas e Xosé María Álvarez Cáccamo.

Ademais, neste acto tamén se vai presentar o libro A elegancia do século de Pura Tejelo, que foi a gañadora do certame no ano 2016. O acto, no que tamén actuará o cuarteto Staccato da Banda de Música Artística de Bueu, está organizado polo Concello coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Asociación Ricardo Gómez Buceta.

Comentarios