de actualidade
Manuel Antonio Noriega, exdictador panameño Manuel Noriega
 
Votacion: 
No hay votos
0

A moción de censura contra Rajoy, posiblemente en xuño

A Junta de Portavoces fixará a data exacta. Podemos presentará a Pablo Iglesias como candidato alternativo

Ata que a Mesa do Congreso non cualifique a moción de censura contra o Goberno presentada hoxe por Unidos Podemos non comezarán a correr os prazos regulamentarios previstos para unha iniciativa que, debido á tramitación dos Orzamentos, posiblemente non se debata ata o mes de xuño.

Así o explicaron a EFE fontes parlamentarias, as cales deixan claro que a data do debate no que o líder de Podemos, Pablo Iglesias, pugnará por substituír a Mariano Rajoy á fronte do Goberno será fixada pola presidenta da Cámara, Ana Pastor, logo de ouvir á Junta de Portavoces.

De momento, o texto presentado no Rexistro do Congreso deberá superar un primeiro filtro por parte da Mesa do Congreso, presidida por Ana Pastor, para comprobar que reúne todos os requisitos formais esixidos, que efectivamente está subscrita por unha décima parte dos deputados mediante escrito motivado e propón un candidato alternativo á Presidencia.

De momento, non está convocada para os próximos días ningunha reunión da Mesa, que onte celebrou o seu último encontro, pero é seguro que na orde do día da súa seguinte convocatoria figurará a cualificación da moción de censura presentada por Unidos Podemos.

A súa admisión a trámite abrirá o prazo de dous días establecido no Regulamento do Congreso para que poidan presentarse mocións con candidatos alternativos e permitirá á presidenta da Cámara fixar data para a súa celebración, que, en ningún caso, poderá ser "anterior ao transcurso de cinco días" desde a súa presentación.

Con todo, as fontes parlamentarias descartan que o debate poida celebrarse nas dúas semanas que restan do mes de maio, ocupadas pola tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado e cuxo proxecto "gozará de preferencia na tramitación con respecto aos demais traballos da Cámara", segundo o Regulamento.

Unha vez aprobadas as contas públicas polo Congreso, quedará vía libre para fixar un debate que se celebrará por terceira vez na democracia, tras a moción de 1980 do PSOE contra Adolfo Suárez e a de 1987 presentada por Alianza Popular contra Felipe González.

O período ordinario de sesións parlamentarias conclúe no Congreso no mes de xuño, pero é posible habilitar plenos con posterioridade, se así o acorda a Mesa.

De momento, a portavoz de Unidos Podemos, Irene Montero, falou esta mañá con Ana Pastor para anunciarlle a presentación da moción, pero na súa conversación non profundaron sobre o calendario de tramitación do debate.

Na rolda de prensa ofrecida tras o rexistro da iniciativa, Montero manifestou respecto da posible data que isto é algo que agora "depende da presidenta" e que están á espera da súa decisión.

Comentarios

fotoOs comentarios enviados fóra do horario de moderación, serán aprobados ao día seguinte

Serán borrados os comentarios que conteñan insultos e/ou contados inadecuados Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.