de actualidade
foto Quique Setién
 
Votacion: 
No hay votos
Galicia 0

O Camiño e a Semana Santa de Ferrol e Viveiro, moi presentes en Fitur

Os atractivos naturais, a gastronomía e a música galega completarán a oferta turística de Galicia na feira de turismo que se celebra en Madrid

Nava Castro e Carmen Pita. LAVANDEIRA JR (EFE)

Nava Castro e Carmen Pita. LAVANDEIRA JR (EFE)

O Camiño de Santiago, a Semana Santa de Viveiro e Ferrol, os grandes atractivos naturais de Galicia, a artesanía, a gastronomía e a música tradicional galega conforman este ano a oferta turística de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que terá lugar en Madrid a partir do próximo mércores 18 de xaneiro e se estenderá ata o domingo 22.

Tal e como explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación da participación de Galicia na 37 edición de Fitur, as festas de interese turístico nacional e internacional terán "un destacado espazo" no pavillón de Galicia, pois son "unha das grandes novidades" deste ano.

Así mesmo, Turismo de Galicia presentará a Semana Santa de Galicia, na que participarán representantes das dúas celebracións de interese turístico internacional coas que conta a comunidade: a Semana Santa de Viveiro e a de Ferrol. En concreto, o obxectivo é difundir a programación e as distintas novidades das mesmas, así como presentar o resto de festas de interese turístico nacional e internacional de Galicia, que abarcan diferentes temáticas.

A continuación, Nava Castro precisou que o espazo galego en Fitur acollerá un modelo diferenciado en coordinación coa Consellería de Medio Ambiente baixo a marca Patrimonio Natural de Galicia co propósito de difundir os grandes atractivos naturais da comunidade, como os parques naturais, as áreas de reserva da biosfera e as árbores monumento, entre outras cousas.

Pero ademais do medioambiente, a artesanía tamén gozará dun papel destacado no pavillón de Galicia en Fitur a través dunha exposición e un taller de fibras naturais desenvolvido pola artesá Idoia Costa, quen elaborará unha escultura de vimbias, un dos símbolos tradicionais, engadiu a directora de Turismo de Galicia, "máis importantes" da comunidade.

GASTRONOMÍA. Tamén gozará dun papel destacado a gastronomía galega, con degustacións de produtos característicos da comunidade dirixidas por alumnos e profesores do Centro Superior de Hostalería de Galicia. De igual modo, os produtos galegos con denominación de orixe e os establecementos da comunidade que contan con algunha estrela Michelín estarán presentes en Fitur. Nesta mesma liña, Nava Castro avanzou que unha pulpeira mostrará en directo, cun cristal polo medio, como preparar o polbo, produto estrela de Galicia.

Acto seguido, subliñou que a caseta galega servirá de "punto de encontro" para as relacións comerciais dos empresarios do sector turístico galego, que será dirixido polo Cluster de Turismo de Galicia co obxectivo de aumentar a actividade alcanzada na anterior edición de Fitur. Así mesmo, precisou que as casetas do pavillón galego estarán atendidos por profesionais e estudantes galegos de materias turísticas ou diplomados con experiencia.

Comentarios

fotoOs comentarios enviados fóra do horario de moderación, serán aprobados ao día seguinte

Serán borrados os comentarios que conteñan insultos e/ou contados inadecuados Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.