Opinión

Oda ao amor / Pesadelo a medianoite

Oda ao amor

- Meu amor! Estás fermosa! Que deus se prostre ante tanta beleza!

Desculpa a miña indiscreción, pero non podo evitar loar a túa imaxe.

Non poñas mala cara, non te anoxes comigo, tan só son un pobre namorado.

Fálame con cariño, que así é como se lles debe falar aos tolos.

Ai, miña deusa, luceiro dos luceiros, señora da miña vontade, quen puidera abrazarte.

As mesmas estrelas téñenche envexa.
Maldigo a distancia, que me impide rozar a túa branca pel.

Triste destino o que non me permitiu ser digno do teu amor.

Pois, para ti, non son nada. A miña existencia? Insignificante. O meu amor? Desprezable.

Ai, pobre de min! Onde está a morte que tanto desexan os namorados?

Veña pronto!

Xa non durmo, prefi ro suspirar por ti.

Comer? Aliméntome das túas olladas, do teu sorriso.

O meu día é sufrimento, e a única cura para a miña dor é un bico teu.

Pero que custoso remedio! Semella que seguirei enfermo.

Ai!, que fermosa é esta noite. Din que a noite é dos namorados, dos tolos e dos moribundos, e eu son un tolo namorado que morre de amor. Tal vez sexa por iso, ou porque a túa presenza ilumina ata a máis escura noite.

Ai! Miña amada! Quen puidese…!

–Gato do demo, deixa de miañar! Que non deixas durmir!

–Síntoo, miña vida, pero hei de marchar. Volverei outro día.

Boas noites, querida Lúa –dixen mentres baixaba do tellado.

Aixa Montero Ferreiro
IES Carlos Casares [Vigo]



Pesadelo a medianoite

Xoán abre os ollos e limpa as pingas de suor da fronte. Sabe perfectamente que é tarde, pero non quere volver pechar os ollos e mergullarse nun pesadelo do que non poderá escapar. Érguese da cama e vai correndo beber un vaso de auga fría. Medita sobre o ocorrido e decide ir xunto a súa nai, que está con insomnio, como cada noite. Xoán fíxase na cama, perfectamente feita.

Corre xunto a súa nai e dálle unha aperta forte chegándolle ata a cintura.

Xoán cóntalle o ocorrido e a súa nai tranquilízao cuns suaves aloumiños na cabeza e nas meixelas e límpalle as bágoas cos dedos. Anímao a durmir xunto a ela, pero sabe perfectamente que non conseguirá pechar as pálpebras. Xa na cama, a nai apértao xunto ao seu peito, iso lémbralle aqueles tempos nos que durmía na cama xunto a súa nai e o seu pai.

Xoán pecha os ollos e mergúllase outra vez no mesmo pesadelo. Está na súa casa , acaba de espertar a medianoite por culpa duns berros que semellan os dos seus pais. Xoán achégase á porta e ve o seu pai pegando á súa nai, que semella paralizada no chan. Despois dun intre, a súa nai móvese intentando coller o teléfono, pero o home agárraa do seu cabelo. Nese momento, a súa nai fi ta a Xoán e move os beizos intentando dicirlle algo.

Xoán sabe o que lle quere dicir, pero non se move. Despois dun momento, Xoán oe un berro arrepiante:

–Corre!

Nese intre, Xoán esperta enchoupado en suor e chorando, a súa nai bícao e abrázao con todas as súas forzas intentando non chorar. Xoán comprende fi nalmente que xa non lle importa ese pesadelo mentres estea xunto a súa nai.

Aloia Moreno Bodega
IES do Castro [Vigo]

Comentarios