Blog

Os ollos da escuridade / Sentados no sofá

Os ollos da escuridade
Espertei con moito frío, tiña os ollos chorosos e miraba todo difuso. Sentía as pernas molladas ata a altura dos xeonllos. Estaba sentada a carón dunhas escaleiras vellas. Cando comecei a ver con claridade, puiden decatarme de onde me atopaba. Era a entrada dun hotel en ruínas. Á miña dereita había dúas grandes fiestras cos vidros rotos e, ao outro lado, un corredor escuro que non me daba confi anza. Con moito esforzo, púxenme de pé, apoiándome con coidado na madeira podre.

Xa dereita, pero mareada, vin como a auga que cubría os meus pés descalzos proviña dunha greta da parede. Xusto enriba, pendurado, había un espello cuberto por unha substancia verde. Non sei como, pero conseguín verme nel. Estaba vestida cun camisón branco cunha gran mancha vermella nas costas. A través das fiestras rotas vin que se estaba a facer de noite. Comecei a camiñar lentamente por un longo corredor cheo de portas pechadas. A madeira queixábase ao meu paso; parecíame pisar anaquiños de cristal cos meus pés descalzos, pero apenas os notaba. Cheguei ata unha porta que estaba entreaberta. Non puiden resistirme e, con moito medo, entrei.

A habitación estaba pintada de cor rosa, pero as paredes estaban moi deterioradas. Aparentemente era a habitación dunha nena pequena que me resultaba moi familiar. Había un montón de xoguetes tirados polo chan, todos vellos e rotos, excepto unha boneca de grandes ollos verdes. Pareceume ver como me sorría burlona e que, en certo momento, desviaba a mirada cara á cama. Un arrepío percorreu o meu corpo. A roupa da cama estaba avellada, e sobre ela descansaba unha nena igual ca min, incluso coa mesma roupa, só que era un pouco máis pequena. Decatouse da miña presenza, abriu os ollos, sorriume e díxome:
- ¡Por fin chegaches! Estabamos esperándote!

María Faro Couñago
Ceip Santo Paio de Abaixo (Redondela)


Sentados no sofá
A rapaza non quería parar. Máis ben, non podía… Aquel ser estábaa perseguindo sen descanso. Ela pensaba que sacar as mellores notas en atletismo e gañar carreiras e maratóns lle serviría para casos coma ese, pois, no seu planeta, era normal que pasasen cousas coma esas, e os nenos recibían unha formación específica neste deporte. Pero normalmente os monstros cansaban axiña, de modo que deixara un pouco de lado os adestramentos. E agora chegara a hora de aceptar as consecuencias. En teoría, xa faría dez minutos que se debería ter desfeito.

En teoría, porque aquel monstro non cansaba e non se desfacía nunca. O seu aspecto soáballe moito, pero a nena non lograba saber que ou quen era. Ao final, como a que estaba cansa era a protagonista, optou por lle tender unha trampa. Dese modo caería ou morrería facilmente. Pero tería que pensar rápido, porque de non facelo... Mentres os que estaban sentados no sofá a miraban, ela seguía pensando nun plan, pois xa a estaba alcanzando. Cando, de súpeto… Bingo! Non sabía se funcionaría, pero púxose a bailar. Si, así, sen ningún motivo.

A súa película perdera todo o sentido. Agora parecía unha parvada e non tiña interese ningún para os que estaban sentados no sofá, e, por sorte, cambiaron de canal.

Rocío Fernández Álvarez
Ceip Cruz-Budiño (O Porriño)

Comentarios