Blog | Quitamerendas

Arte que flota na Illa do Covo

O encontro de creación e natureza Fluíndo no Lérez deixa a pegada de 17 autores na Xunqueira

PEQUENAS CIDADES de rañaceos para formigas. Libros colgados sobre o río Lérez. Un camafeo ensertado no tronco dun eucalipto. Coroas colgadas nas alambradas. Ósos e caveiras feitos con cal e madeira. Teas de arañas xigantes feitas con fíos. Son obras de arte. Algunhas permanecen. Outras xa non existen. Todas formarán parte da memoria audiovisual que recolle a pegada da quinta edición do encontro de arte e natureza de Pontevedra, Fluíndo no Lérez, que se celebrou a pasada fin de semana na Illa do Covo e na que participaron 17 creadores chegados de distintos puntos de Galicia e España.

"Penso que esta foi unha edición marcada pola creatividade e pola participación", conta a mestra e artista Carmen Hermo, coordinadora da actividade xunto ao pintor Antón Sobral. "Outros anos a xente tardaba máis en comezar a traballar. Paseaban pola illa, falaban entre eles... Desta vez foi chegar e encher. Comezouse a traballar, eu diría que ata desaforadamente. Houbo creadores que chegaron a realizar catro pezas diferentes ao longo do día".

O que fan os participantes en Fluíndo no Lérez son distintas intervencións efímeras no espazo da Xunqueira. "Algunhas duran apenas un par de horas. As que máis duran poden chegar ao mes". O resultado do traballo racha coa rutina da paisaxe durante uns días e despois móvese por internet. "Foi moi interesante este ano a interacción que se deu entre os artistas. Houbo moitísima discusión arredor das obras", conta Hermo. "Tamén houbo, como noutras edicións, moita colaboración entre os creadores. A pesar das dificultades que tiñamos esa fin de semana para traballar, ao coincidir varias cousas na cidade, todos nos axudamos entre nós para mover pezas, por exemplo".

Por certo, que algunhas desas pezas máis voluminosas, as de María X. Fernández en concreto, desapareceron ás poucas horas. "É certo que o tipo de arte que nós propoñemos, efímero, corre ese risco e, por unha banda, que alguén decidise levar esas pezas indica que lle gustaron. A parte negativa é que non estaban pensadas para iso senón para que todo o mundo as gozase ao aire libre".

Ao longo das distintas edicións, os creadores foron traballando cuestións diferentes. "A ponencia de apertura, a cargo dun artista convidado, neste caso Christian Villamide, marca un pouco a liña de traballo", explica Hermo. "Este ano foron claves as referencias ao artificial ocupando o natural, coméndolle o espazo. Esa idea rondou todas as cabeciñas que nos movemos pola Illa do Covo. E detrás de todo iso o que está é unha certa denuncia".

Comentarios