Opinión

A viaxe de Urraca / Máquina de matar do avó

A viaxe de Urraca

Levanteime, non fun quen de durmir. A espera estábame matando, non estaba segura de se me darían o traballo e iso púñame moi nerviosa. Estaba farta de ver sempre o mesmo xardín e as mesmas árbores. Aínda que a miña vida sempre estivera ancorada naquel pequeno recuncho, eu estaba disposta a facer o inimaxinable para saír de alí e, despois de moitos anos, iso ía ocorrer.

Eu sempre serei teimuda, iso non hai quen mo quite. Se quero algo, consígoo custe o que custe, e nese momento o único que desexaba con todas as miñas forzas era atopar o meu lugar no mundo. Sempre quixen traballar nun circo, era o meu gran soño desde que era pequena. Agora o soño polo cal ninguén apostaba nada vaise realizar.

Recorrín coa mirada todos os veciños, a moitos deles botaríaos moito en falla, pero a outros estaba desexando perdelos de vista. Sobre todo a Catia. Meu Deus! Críase perfecta cando non era máis ca unha lercha que pretendía estar ao tanto todas as cousas interesantes que ocorrían polo barrio. Pola contra, a miña mellor amiga Lula si que pagaba a pena, ela era unha gran persoa e dábame rabia ter que deixala, pero é que estaba farta, se tiña que pasar un día máis no xardín morría.

Non me despedín de ninguén, non me gustan as despedidas. Unha vez fóra sentinme moi feliz e estiven coma dúas horas cun sorriso pintado no rostro. Que máis podía pedir unha paxara coma min? Aínda que preferiría que Lula estivese alí comigo iso nunca podería ocorrer posto que, ao ser unha cadela con tan malas pulgas, non se ía levar moi ben cos leóns e cos tigres. Penso que o de vivir no circo é xusto o que necesitaba porque desa maneira pódome librar de aturar a Catia, nunca coñecera unha gata tan pesada.

IOLANDA GIL MOREIRA
CPI da Cañiza


Máquina de matar do avó

Esmagueino contra a parede coa máquina de matar do avó. Apertei coa forza necesaria como para asegurarme de que non respiraría nunca máis. Observei como esvaraba o sangue do recentemente morto sobre o marfi l do chan. Corrín ao lavabo e limpei as mans. Sentíame sucio, sentíame desprezable. Seguramente a policía me arrestaría.

Ai, Deus! Que farei se me collen? Sen dúbida algunha, o meu expediente terá unha enorme mancha, e non poderei estudar nunha boa universidade, e ninguén quererá contratarme… Serei un fracasado. Pero tranquilo, Marco, non te preocupes por algo que aínda non sucedeu, o único que tes que facer agora é marchar da cidade e cambiar de nome para asegurarte de que non darán contigo facilmente. E se iso non dá resultado, o seguinte plan é mercar un barco e vivir coma un pirata o resto dos teus días. Pero necesitarás unha mariñeiría, e que saiban navegar, para que che ensinen.

Entón, agora que me decato, xa terás amigos! Isto é coma coser e cantar. Aínda que ninguén me aprendeu a coser, e iso de entoar non se me dá moi ben… pero xa me entendedes. Mais non nos vaiamos polas ramas, tamén cómpre ter en conta a arma do asasino. A máquina do avó, si, ao traballar con ela púxeno tamén en perigo a el… Unha vez contoume que tiña unha barca, o tema de navegar está arranxado.

Ademais vai cantar ao coro, e asegúrovos que canta xenial; agora só me queda conseguir alguén que sexa quen de coser, e iso ben pode facelo a avoa, ademais así lle fará compañía ao avó cando eu marche facer negocios cos outros piratas. Non obstante, coido que non debo inquietarme tanto, despois de todo o único que fi xen foi matar unha mosca.

TAIS GONZÁLEZ ÁLVAREZ
IES Castelao, Vigo

 

Comentarios