Opinión

Raias negras e brancas / A estación dos bicos

Raias negras e brancas

Abro os ollos e espreito de novo a reixa que me separa do mundo. Vexo tamén eses arames que descargan a electricidade que me provoca o retroceso á miña enorme montaña de desgrazas.

Estraño a miña familia, tamén estarán baixo este ceo que, aínda sendo azul coma o mar, os meus ollos veno gris coma a ferruxe.

Outros coma min tentan escapar, deixar de obedecer as ordes dos xefes que se cren superiores, e vivir outra vida, aínda que non teña saída.

Estamos sucios, delgados, case padecendo o escorbuto, e todos coa mesma roupa: ese pixama de raias negras e brancas.

Hai tamén outra xente, diferente a nós, que nos mira pasmada, coma estatuas, e que ás veces ata nos fai burla.

Agora podo ver un señor esvelto, de cara ruda, cun bigote superposto nos seus finos beizos, case brancos, como a súa pel. Viste un traxe semellante ao dun militar, cunha chupa verde escuro da que, de súpeto, saca un obxecto. Apúntame e dispara. Sinto na miña cabeza un vira vira. A vista quédame en branco.

Son unha cebra, estou acostumada a que me saquen fotos. Unha cámara, unha pistola! Que máis dá! Volvo abrir os ollos e espreito de novo a reixa que me separa do mundo… e a historia volve comezar.

Mariña Area Falcón

IES Francisco Asorey (Cambados)



A estación dos bicos

Ía frío na plataforma do metro. Case non había xente, mais eu levaba un bo anaco de pé esperándoo.

Sentín o estrondo que fai sempre, estábase a achegar, e entón vino. Era moi fermoso, branco e con dúas raias vermellas, tal e como me contaran. Parou diante de min, as portas abríronse e eu entrei.

A seguinte parada era a chamada "Bicos de nais e pais". Nela estaban os bicos que che dá unha nai cando choras porque ías correndo polas escaleiras e un paso en falso che fai caer, e iso que ela xa cho dixera: "Non corras polas escaleiras", pero, aínda así, ela dáche un bico, que é mellor que calquera apósito adhesivo ou venda.

Pero hoxe non, eu non andaba a buscar un bico así. O metro parou e as portas abríronse. Pouca xente baixou. A cada un esperábao un bico diferente.

A seguinte parada chamábase "Bicos de primavera". Aqueles bicos que estaban alí eran os bicos que se dan dous namorados en pleno ballón repentino, pero que despois, ao día seguinte, un dos dous desaparece, e a outra persoa non volve saber nada máis del, pero o recordo dese bico quedará na súa memoria para sempre. Tampouco era o que andaba a buscar, non quería un amor que despois desaparecese.

O metro seguiu a súa viaxe: "Bicos esquecidos", "Bicos que non se deron", "Bicos de improviso", "Bicos eternos", "Bicos con sabor a amorodo"…

Viaxei por todas as paradas ata volver á primeira, onde collera o metro, a chamada "A estación dos Bicos". Non atopei ningún do meu agrado. Baixei do metro, subín as escaleiras e saín á superficie. Respirei fondo e sorrín. Se cadra non tiña que buscar o bico perfecto, seguro que algún día sen pensaloo atoparía.

María Calvar Giráldez

IES de Mos

Comentarios