Opinión

A festa do futuro / O talismán

A festa do futuro

Hoxe na festa do colexio Valverde celébrase o Entroido. Sofía está preparando no ximnasio un mercado, un bar e un concurso de disfraces. A xente está empezando a vir nos seus coches voadores e outros veñen voando. Mentres tanto, Sofía está esperando a súa mellor amiga Lucía.

Lucía xusto chega cando vai comezar o concurso de disfraces. Sofía e Lucía aproveitan para ir ao baño, collen unha caixa de disfraces e disfrázanse. Sofía sae para fóra, pero Lucía queda alí soa. Despois dun momento sae para fóra e as dúas comezan a xogar á pita no monte que está detrás do colexio. Comeza a chover e tápanse debaixo dunhas árbores. Cando para de chover, regresan ao colexio para comer orellas e ver o concurso, no que desfi lou toda a xente… Bailan e bailan ata que cae a noite.

Ao chegar as doce anuncian o gañador: é Lucia! Pero ela non aparece. Sofía busca por todos os lados: no monte, no baño, na escola, no acocho secreto, na cabana… Pero Lucía segue sen aparecer. Sofía remata recollendo o premio que gañou Lucía. Xa era a hora de marchar e Lucía segue sen aparecer. De súpeto, Lucía aparece e Sofi a pregúntalle:

–Onde estiveches?

–Estiven aquí todo o rato, pero colleume o frío no monte e para quentarme puxen a miña capa de invisibilidade por riba

–Manda truco! –di Sofía abraiada.

Ángela Vilar González

Ceip Paraixal (Vigo)


O talismán

Hoxe, coma todos os días, fun dar unha volta polo monte. De camiño, escoitei uns ruídos un pouco estraños, pero non fixen moito caso porque pensei que era o vento. Así que seguín a miña marcha tranquilamente. Foi nese momento cando atopei un precioso colar cun colgante dourado. Non vin a ninguén preto e collino. Sería o meu talismán. En canto o toquei, brillou un pouco, pero logo parou.

Os estraños sons escoitábanse cada vez máis preto. Canto máis apuraba o paso, máis medo tiña. Entón pareime en seco e todo quedou nun silencio estremecedor. Un calafrío percorreu o meu corpo, estaba paralizada polo medo! E, cando menos o esperaba, unha arrepiante besta saltou sobre min.

Aaaaah!

De súpeto espertei, acendín a luz e quedei na cama observando o cuarto. Que susto! Era pola mañá cedo e ía moi mal tempo. Por moito que pensase que era un soño, parecía tan real! Ao levantarme da cama doíanme moito as pernas, non sabía por que. Vestinme e almorcei un pouco de leite con cereais de millo, os meus preferidos. Como era domingo, fun ao salón. O veciño estaba ensaiando como de costume e escoitábase a melodía que tocaba co acordeón. Eu tombeime, aínda me sentía cansa. Vin un pouco a tele. Nas noticias comentaron que unha persoa fora atacada no monte por un… e o colar empezou a brillar outra vez….

Que raro.

Alba Villar Crugeiras

Ceip Amor Ruibal (Barro)

Comentarios