Blog

Unha grande aventura / A orixe das cores

Unha grande aventura 

Estou correndo. Non corrín tanto na miña vida, estábame perseguindo alguén. Non sabía quen era, pero tampouco quería sabelo. Estaba nun bosque moi escuro con moitos obstáculos e camiños diferentes, non sabía para onde ir.

De súpeto, vexo ao lonxe unha luz moi brillante. Tiña tres camiños, e escollín o do medio, pero, como teño tan mala sorte, tiña moitos obstáculos. Primeiro foi o lago, e para pasalo tiña que saltar unhas rochas, pero algunhas afundíanse. Non sabía cal pisar, pero pensei que se ía moi rápido non pasaría nada, pero non foi así, xa que na primeira afundín deseguida. Nadei o máis rápido posible ata a beira. Despois entrei nunha cova moi escura, tanto que non vía nada. Oíanse moitos berros; era como entrar nunha atracción de medo e eu non son desas cousas, pero tiña que meterme, e rápido, porque oía alguén tras de min. Escoitei un berro e botei a correr. Non sabía por onde ía, pero fíxeno ata que cheguei ao final e vin un xigante plantado diante de min. Díxome que tiña que gañarlle a pedra, papel ou tesoiras, pero, como vos dixen antes, teño tan mala sorte que acabei perdendo, e el colleume coa súa man xigantesca. Pero ser grande non é unha vantaxe, entón escorreguei entre os seus brazos e corrín cara á luz, pero, por non variar, canto máis me acercaba máis se escoitaban os pasos. Cando chego á luz atópome cunha cúpula xigante branca. A miña cara ovalada queda paralizada ao ver alguén cunha carapucha ao lonxe. As miñas pernas non saben que facer. Cando me decato, estase acercando rapidamente, e cando está na miña fronte retirou a carapucha e…

–Álex, a cear! –dixo a miña nai.

–Xa vou!

Coloquei o marcapáxinas e fun cear.

Álex Gómez Granja

CEIP Antonio Palacios (O Porriño)



A orixe das cores

Había unha vez, fai moitos anos, unha cidade sen cor chamada Tristelandia. Tristelandia era unha cidade moi bonita, pero tiña algo malo que facía que os habitantes estivesen tristes: a cidade non tiña cor.

Varias veces o Alcalde Tristón intentara traer as cores, pero nunca funcionara. Probou de todo: traer cores nun camión, esparexer cousas de diferentes cores... En fin, de todo, pero nunca funcionaba. Sabedes que pasaba? Pois vouno contar aquí, neste relato.

Isto é todo o que eu sei: as cores desaparecen cando se cruza a fronteira da cidade, todo se volve coma a pedra volcánica, de cor negra.

Un día, o alcalde, xa desesperado, convocou unha xuntanza e anunciou que quen devolvese a cor á cidade recibiría dez mil euros nun cheque. A noticia chegou a un home da aldea do redor de Tristelandia chamado Brandán, a quen lle gustaba moito o diñeiro. Brandán pasou dous meses sen saír da súa casa pensando, e ao final encontrou a solución…

15 de xaneiro de 2017:

Brandán saíu ao xardín e pensou: "Que bonitas son as cores!". E, xusto nese intre, o seu xardín tinguiuse dun precioso verde esmeralda.

Entón Brandán deuse conta de que o problema non eran as cores, senón as persoas que estaban tristes, precisamente porque non había cores ao seu carón, e en realidade non había cores ao seu carón porque estaban tristes…

A mensaxe do seu descubrimento foi difundida por toda a cidade, no xornal, na televisión, na radio… E toda a poboación puxo en práctica o que Brandán difundira e, sen dúbida, as cores regresaron á cidade de Tristelandia, porque todas as persoas cambiaron a súa actitude e irradiaban alegría en lugar de tristeza.

A Brandán déronlle o seu merecido premio, pero o máis importante era que Tristelandia estaba feliz e agora se chamaba Colorín Colorado…

Álvaro Wenceslao Gómez Moure

CEIP Xesús Golmar (Lalín)

Comentarios