Blog

O pesadelo do cazador / Atrapados na historia

O pesadelo do cazador

Había una vez dous corzos que vivían escondidos entre o mato dunha pradeira, ao lado do colexio Vilaverde, na parroquia de Mourente. Vivían placidamente ata que, un día, un cazador da zona soubo que que os corzos vivían alí.

O cazador, ansioso por conseguir as cabezas dos pobres animais, preparou a escopeta, cargou as balas, gardou os prismáticos e foi durmir coa cabeza posta no desexo de matalos ao día seguinte.

Mais, no medio da noite, espertou cunha sensación estraña. Sentía certo peso na cabeza, sentía a pel máis quente e aveludada, sentía unha forte vontade de correr. Medio atordado, levantouse e foi ata o baño. E alí, ao leve reflexo da luz do corredor, descubriu, espantado, que se convertera nun corzo.

O cazador, alarmado, soltou un bramido pavoroso ao tratar de pedir axuda. Ninguén lle respondeu. Entón viu unha persoa ao lonxe e saíu correndo cara a ela ao tempo que berraba: "Axuda! Axuda, por favor!".

Canto máis se aproximaba a aquela persoa, máis e máis familiar lle resultaba, como se xa a coñecese.

Cando chegou, viu que aquela persoa... era el! A persoa virouse para el, apuntou coa escopeta, apertou o gatillo e disparou! Fallou. O cazador, asustado, botou a correr desesperado. Mais a persoa volveu apuntar, esta vez tomou o seu tempo para facelo ben, disparou... e acertou. O último que viu o cazador foi a persoa axeonllarse ao seu lado cun coitelo na man.

De repente, o cazador espertou, suado e co corazón na boca! Todo fora un soño! Dende entón non volveu cazar animais. Agora coida dos corzos e fíxose vexetariano. E tenta convencer o resto das persoas para que se tornen tamén amigas dos animais.

Mauro García Sola

Ceip Vilaverde (Pontevedra)


Atrapados na historia

Ese día, no colexio deramos Historia e parecérame fascinante saber como Colón chegou a América, ou como os exipcios construíron grandes obras.

Ao día seguinte, andando pola beirarrúa, vin un home con anteollos redondos e unha chaqueta branca que murmurou moi baixiño: "Neno, ven, ven xunto a min e verás cousas fascinantes".

Eu non puiden resistirme e fun. En canto estiven con el, mirou aos lados e díxome de novo:

–Mira isto –e sacou un pequeno aparato do peto–. É unha máquina do tempo, tócaa e transportarate á Idade que ti queiras.

Eu dubidei un pouco, pero a curiosidade de vivir noutra época era para min invencible! Así que toquei aquela especie de compás que me amosaba o homiño e... alí estaba, na Prehistoria!

Camiñei máis ou menos uns corenta e cinco minutos e, de súpeto, parei e… vin unha manda de mamuts que, asustados, escapaban de algo. Pero... de que?

Entón foi cando souben que uns homes, vestidos con peles e con barbas longas, intentaban darlles caza con lanzas. Ao verme, viñeron ao meu carón e faláronme. Eu non entendín nada. Nese momento, o peto da miña chaqueta comezou a tremer. Metín a man e atopei a pequena máquina que o homiño de anteollos me convidara a tocar. Colliña con moito tino, non fora ser que lle tocase onde non era e sabe Deus onde me levaría! A voz do homiño de lentes oíase, coma sempre, murmurando:

–Neno, neno! A máquina está avariada! Só poderás saír de aí se segues estes pas...

Non lle deu tempo a continuar. Un home prehistórico colleume a máquina e meteuna na boca.

Así que eu sigo aquí, na Prehistoria, cincuenta e sete anos despois, agardando que alguén lea esta carta.

Jorge Giráldez Zapatero

Ceip Fontes-Baíña (Baiona)

Comentarios