Blog

A amiga de Marcos / O cerebro humano

A amiga de Marcos

Ola. O meu nome é Duna, aínda que Marcos me chama Princesa. Esperto todo os días e el está alí: é o que me prepara o almorzo. Pero o mellor de todo é que o tomamos os dous xuntiños. Pola mañá, cando o vexo marchar, dime que me quere moito e que non me preocupe. Marcos é un rapaz moreno, alto, bo... Eu quéroo moito e el a min tamén. El é o meu mellor amigo.

Encántame pasear pola praia con el, aínda que a súa nai non estaba moi de acordo con que eu quedase na súa casa. Ao principio dicía que non había espazo. Encántame xogar coa súa irmá pequena. Ela dime que lle gusta o meu pelo e a min darlle bicos. A fin de semana é cando podo pasar máis tempo con el porque imos ao supermercado, pero eu sempre me paro na sección de xoguetes porque a verdade é que me encantan os nenos. Unha das cousas que me gusta de Marcos é que está comigo cando hai unha tormenta porque sabe que desde que son pequena me asustan. A miña mellor amiga chámase Maika. Adoitabamos falar polo enreixado e cando nos atopabamos pola rúa.

O que menos me gusta son os mércores porque vén Ana, a amiga de Marcos.

Non me presta atención e a única frase que escoito saída da boca de Marcos é: «Anda , senta alí e pórtate como unha boa cadela».

E iso é o que adoro, ser a cadela desta familia e, sobre todo, do meu Marcos.

Claudia Durán Baeza

CEIP Álvarez Limeses (Pontevedra)



O cerebro humano

A tormenta seguía azoutando as casas á espera de derrubalas. Algunhas xa as vencera, e iso debíalle de dar confianza. Ao irse a luz, e como a treboada facía que o día fose noite, alumeábame con candeas. Todo era moi tétrico.

Non me podía comunicar con ninguén por dúas razóns: primeiro porque non funcionaba o telefóno, e segundo porque coa tormenta dábame demasiado medo saír da casa. Como seguise así moito tempo íame volver tola!

Por fin rematou! Aínda que eu seguía co medo no corpo, estaba un pouco máis tranquila. Como a luz volveu, intentei chamar os meus pais para ver como estaban, pero non me colleron. Logo chamei as miñas amizades, pero tampouco me colleron. Non lle dei moitas voltas, pois podía estar algún cable estragado a causa da tormenta.

De súpeto, empezoume a doer todo o corpo, a cabeza deume voltas e máis voltas ata que caín no chan.

–Mirade, abriu os ollos! –exclamou unha voz descoñecida.

Había moita xente ao meu redor e todos estaban sorrintes e contentos.

–Vai chamar o médico! Bule! –continou a voz. Era un rapaz da miña idade, que saíu correndo nada máis oílo.

Pouco despois chegou acompañado dun señor cun horrible bigote, vestido cunha bata branca, que tiña aire de simpático.

–Deixádea respirar, non a abafedes–dixo o señor da bata branca–. Seguramente estará moi confusa e non vos recordará– Todos os que estaban alí conmigo deron un respingo–. Pero non vos asustedes; é un efecto normal do coma.

Lucía Estévez Suárez

CEIP A Laxe (Marín)

Comentarios